Tiemersma, Reynaldo & Granota “Trombos Factory”

Abril 17, 2026

Desde hai moitos anos temos un oco reservado para os artefactos de Luis González, o músico, produtor, compositor e (ir)responsábel de Hall of Fame Records. Militou en Mar Otra Vez, acompañou Malcolm Scarpa, argallou un feixe de tributos a Frank Zappa e segue baixo diferentes denominacións como Caballero Reynaldo e Los Imbéciles, Los Visionarios, Los Caballeros Del Amor Hermoso , Manu Vicente & Luis González, ou Tiemersma&Reynaldo&Granota. O noso “provotagonista” habita e comparte todo un universo de humor, incontinencia e surrealismo, sempre con independencia do panorama que nos ditan en cada momento. Este último disco non podía ser menos, como xa di el mesmo: “Trombos Factory es la crónica de una diversión”.

Desde o título e a portada vemos que escolleu o icónico “Cosmos’ Factory” da Creedence Clearwater Revival e os seus cómplices desta vez son Tiemersma e Granota. Nun “alarde de múltiples habilidades en el campo de estar zumbadísimo“, Reynaldo deixou de dez cancións da CCR só a cerna mínima para sobre ela construír cancións novas canda a voz de Irene Villar Tiemersma. E se non fose polas letras, coros e retrousos que mantiveron, sería todo un reto recoñecermos unhas orixinais levadas á electrónica, principalmente oitenteira.

Un servidor, que coma eles é moi fan da banda, tamén entende este exercicio como unha homenaxe “con respeto, admiración, creatividad y retranca a partes iguales” e, após a labazada inicial, canto máis se escoita máis probábel é collerlle o novo punto a clásicos como “Fortunate son”, “Down on the corner”, “Suzie Q”, “Have You Ever Seen the Rain?”. Está claro: ou entendemos isto como pasalo ben, sorprender e pór a proba prexuízos ou, polo contrario, poñémonos serias e intransixentes e por aí non pasamos. Si, estamos ante “versiones extremas de la Creedence Clearwater Revival” e a min xa me tiraron uns sorrisos e uns bailes.

Dispoñíbel en dixital e nunha edición limitada a 50 unidades en sobre de cartón.

Pepe Cunha, 17-abril-2026

aquí podes escoitalo

1.Proud Mary (intro)

2.Born on the bayou
3.Looking’ out my back door
4.Fortunate son
5.Bad moon rising
6.Up around the bend
7.Suzie Q
8.Down on the corner
9.Have your ever seen the rain
10.Lodi (outro)

AXENDA

Facebook