Manu Vicente & Luis González “Utiel país tropical”

Xullo 03, 2023

Calquera proxecto (co) argallado por Luis Gonźalez vai ser algo pouco habitual e á marxe das directrices da industria musical. O home tras a discográfica levantina Hall of Fame e as homenaxes patrias ao cancioneiro de Frank Zappa chega agora a dúo co guitarrista Manu Vicente, con quen leva a colaborar desde hai doce anos en diversos proxectos do seu Caballero Reynaldo. Hai dous anos decidiron preparar un disco sen présa ningunha e aquí temos o resultado: dez cancións “variopintas” con textos do poemario de Aníbal González Ayora, primoxénito de Luis.

O curioso título de “Utiel País Tropical” disque é unha “homenaxe á ópera rock do mesmo nome, creada por Pepo Ballesteros e amigos e da que só houbo dúas representacións en 1975″. A orquestración neste caso está a cargo de Luis, tamén ás voces, e as bases musicais son de Manu. Mais non podían deixar pasar a oportunidade de contar ao final do proceso coas achegas de dous ilustres de Sr. Mostaza como Luis Prado e Paco Tamarit. Son todos eles homes do século XX, como dirían os Kinks, que van paseando “da bossa nova ao country, do jazz fusión ao pop, do rock ao folk …” Só con ver os títulos intúese que de seriedade e prexuízos andan escasos, mentres que a escoita confirma que de melomanía e coñecementos están sobrados.

Nesta exaltación do eclecticismo ao poder, gostei especialmente de”Soy un imbécil” co seu toque psicodélico, a bossa “La cueva”, esa mestura de rock-ska-funk que é “En Bucle, o suave jazz de-volta-de-todo “No me toques los cojones”, a loucura progresiva do instrumental de Vicente “Bigotes de oro” ou as máis melódicas “Cuando vuelva la ilusión” e “Sal de mi vida” … En canto á parte física, segue na liña dos últimos traballos de Caballero Reynaldo, Los Visionarios ou Los Caballeros del Amor Hermoso, cunha edición física, limitada en CD Digibook con libreto, mais neste caso as ilustracións son via IA (!!!) .

Pepe Cunha, 3-xullo-2023

escóitao no seu bandcamp

repertorio

Soy imbécil
No me toques los cojones
La cueva
De grumete a capitán
En bucle
Bigotes de oro
Vuelta y vuelta y vuelta
Cuando vuelva la ilusión
Almas anónimas
Sal de mi vida

Facebook