Carmen París abraia no ciclo Na Raíz. Teatro Jofre, Ferrol 18-decembro-2015

Decembro 21, 2015

A aragonesa Carmen París chegaba ao ciclo de concertos “Na raíz” co proxecto arriscado de conxugar o jazz coa copla. O disco “EJazz con Jota” non é doado nos tempos que corren de inmediatez, modas e prexuízos, pero mantén o nivel de calidade e risco. Ademais, afortunadamente, o seu nome conserva certo tirón dun pasado máis popular, de premios e presenza mediática. Esta falla de apoio mediático combátese, por exemplo, co labor dunha concellería que aposta polo asesoramento e a confianza dun público minoritario (que non elitista) e atento ás recomendacións. Como aconteceu coas dúas citas anteriores, se atendemos a facianas e comentarios diremos que o público presenciou un concerto magnífico. E aquí debemos medir o éxito e ver nesas máis de 200 persoas o vaso medio cheo.

Como era de esperar pola súa traxectoria, da París non recibimos só copla con jazz, senón tamén blues, soul, góspel, latin jazz … Demostrou que é unha artista loitadora, aberta e optimista que cre no seu traballo e o defende ao vivo cun talento vocal innegábel e sorriso e expresividade perennes. Ademais, o público réndese a unhas presentacións cheas de simpatía nas que explica a idea primixenia de cada canción. Repasou o cancioneiro do seu cuarto álbum “EJazz con Jota” e acompañou outras pezas antigas adaptabeis á formación que a acompaña. Dada a imposibilidade de pasear o disco cunha orquestra de jazz, como foi gravado, a Ferrol chegou cun acompañamento ben acaído de piano, batería e contrabaixo. Os uruguaios Diego Ebbeler e José San Martín e o cubano Iván Ruíz lucíronse canda o carisma e a calidade interpretativa dunha protagonista á que vimos gozar tamén da arte deles. A versatilidade de todos e o son magnífico do teatro conxugáronse para rematar unha velada deliciosa. Soaron as irresistíbeis “Mucho ringo-rango”, “Jotera lo serás tú”, “En mi pecho”, “Brindis” … as máis recentes “Little Chain of Gold / Cadenica de oro”, “The Cry of the Nightingale / El llanto del ruiseñor” … pero nun concerto sen altibaixos cómpre salientar o momento máis emocionante: a interpretación de “Savia nueva” en solitario sentada ao piano no primeiro bis. Polo menos na miña memoria audiovisual estes minutos gañaron o seu sitio.

“Si no hay sensibilidad para captar el sustrato del mensaje musical, pues dedícate a escuchar lo que siempre te ha gustado para que no sufras más”. Así canta Carmen París nunha das súas cancións máis celebradas: “Jotera lo serás tú”. Estas liñas que falan dos prexuízos fronte á curiosidade e receptividade para con músicas menos habituais correspóndense co espíritu do ciclo Na Raíz. Nesta primeira edición, o da aragonesa era o nome máis popular e a afluencia de público foi maior que nas citas anteriores (Raúl Rodríguez e Caxade + Cuarteto Caramuxo) pero desde logo un ciclo que achega artistas inqued@s e propostas musicais case descoñecidas non apunta a encher 500 butacas. O recoñecemento da calidade non vive os seus mellores tempos pero artistas e medios non debemos tirar a toalla. Vémonos o venres 15 de xaneiro no mesmo Teatro Jofre cos Fetén Fetén e o Cuarteto Caramuxo.

Pepe Cunha, 21-decembro-2015

AXENDA