Tras 25 anos de traxectoria, chega a fin dunha triloxía (“Cromos” e “Cronos”) de cancións propias e de gravacións de Caballero Reynaldo, o proxecto ideado e dirixido por Luis González. O músico conquense afincado en Utiel (Valencia) é un deses personaxes que fan máis entretida a industria musical ou o mundo que arrodea a edición de discos musicais. Responsábel do selo Hall of Fame e gran fan e divulgador de Frank Zappa, comparte con este o seu carácter ecléctico, prolífico e irreverente. E disto “Cosmos” é un reflexo fiel.
Esta entrega final incide unha vez máis na colaboración con músicos de confianza e solvencia (Manoel Macía, Román García, Santiado Serrano …) e a total independencia para gravar o que quere e dicir o que lle apeteza. Porén, non o fai dende unha pose de ousadía senón coa bagaxe dun coñecemento musical amplo da música popular. Coma proba, máis de 20 discos de versións-recreacións-adaptacións non só de Zappa, senón tamén de King Crimson, Beatles, Prince, Motörhead, Yes, Depeche Mode …
Caballero Reynaldo despídese talvez co seu álbum musicalmente máis significativo, movéndose con solvencia por diferentes estilos e movementos do pop e letras “que parecen cartas de despedida, cantos de cisne”. Nestas queda a gusto lanzando versos como “Necesidad demente que tenéis de idolatrar lo que el prime-time os dé” ou “Me han echado de la Wikipedia por intolerancia enciclopédica. Me han echado de la red social por intrascendente y por carcamal”. E títulos como “Necesidades innecesarias”, “A Marte otra vez” ou “El tonto de Platón en Plutón” reafirman un sentido do humor, a ironía ou o sarcasmo pouco habituais pero de agradecer. Ademais a boa edición física en digipack inclúe as versións instrumentais das cancións.
E o que quedará na recámara, sen editar ou actualizar! Porque hai mentes que non paran e o mesmo Luis G. nolo confirma: “Mantendré activa la conservación y visibilidad de toda la discografía, pero no volveré a grabar nada nuevo bajo la marca «Caballero Reynaldo». Mis necesidades creativas y exhibicionistas están sobradamente satisfechas, y si no fuera así las realizaré bajo el manto de cualquier otro personaje, de forma anónima o con Los Visionarios.”
Pepe Cunha, 26-xuño-2021