O ano pasado, Caballero Reynaldo, alter-ego musical de Luis González, anunciaba a súa retirada tras completar a triloxía “Cronos-Cosmos-Cromos” e repasar a súa traxectoria cunha “Antología (1995-2000)” en dous volumes. Mais o prolífico responsábel de Hall of Fame Records non ía estar moito tempo sen gravar material novo -aínda que os títulos deste álbum teñan máis de vinte anos e pertenzan ao legado Reynaldo. E precisamente dos últimos tempos deste proxecto mantén dous cómplices e argallan un “trío multinacional de pop excéntrico”, respondendo o de multinacional a que Luis é de Cuenca, Manoel Macía de Ourense e Román García de Murcia. Outra mostra, como o nome da banda e o álbum, de que as doses xenerosas de humor, ironía, a extravagancia e desenfado seguen presentes.
Mais tamén a clarividencia que dan moitos anos de escoitar e facer música, de coñecer ben o que lles gusta para logo empregalo; desta vez sen abusar de ornamentos innecesarios e tirando detalles e arranxos brillantes dunha formación básica de guitarra, baixo e batería. Con ela entregan unha ducia de mostras de pop ecléctico e inmediato, con moito influxo da new wave, o que non sorprende a quen seguimos Luis e sabemos da adoración por XTC, The Cardiacs ou Split Enz. E como gosto do que eles mesmos din no seu bandcamp, compártoo: “arreglos sofisticados y ritmos trepidantes con letras clásicas del pop: amor, vanidad, crítica social, realismo crudo, escepticismo brutal, surrealismo y odio. Una maravilla de principio a fin que jamás se llevará a los escenarios, trabajo exclusivo de estudio para tiempos de despelote pre-apocalítico.”
“Sagrado Corazón de Jesús” é tan directo que só me queda insistir en que contén pop de sempre feito por músicos curtidos, que “están de vuelta” e por riba de modas e a industria musical. Abondan as melodías brillantes, nítidas, e unhas guitarras chulísimas, en cancións que non chegan aos tres minutos agás a inicial “Extremadamente Cursi”, pegadiza e alegre como “La Droga Diaria” ou “Cabeza de familia”. Sexan así de aceleradas ou máis repousadas ou melancólicas como “La herencia genética”, “No soy feliz” ou “Solo, Solo, Solo”, practicamente todas resultan contaxiosas. Ademais non falta a onda Zappa, tan de Luis, na instrumental “Desconectado Variaciones” e esa “Tim Finn” que me lembra o “David Watts” dos Kinks, outra debilidade.
Pepe Cunha, 22-setembro-22
repertorio
1. Extremadamente cursi
2. La droga diaria
3. No soy feliz
4. Mientes
5. El andarín mental
6. Desconectado Variaciones
7. Solo, solo, solo
8. La herencia genética
9. Tim Finn
10.Mi nombre es Luis
11. Cabeza de familia
12. Aníbal, mi pequeño tirano
Manoel Macía, guitarras
Román García, baixos
Luis González, voces e baterías