María Arnal i Marcel Bagés no Teatro Colón, 15-novembro-2018

Novembro 16, 2018

Nun panorama independente abondoso en hypes e fórmulas repetidas, o álbum “45 cerebros y un funeral” (canda o seu predecesor “Verbena”) é unha rara avis que dá gusto celebrar. Son casos contados o dos discos que acaden unha cota tan sobresaínte de aceptación cando apostan polo compromiso e a experimentación. Porén, este dúo faino cunha calidade interpretativa e unha valentía moi por riba da media. As críticas colleitas e ano e medio de xira polo mundo adiante avalan o traballo no estudio e a súa defensa enriba do palco.

Onte asistiamos ao penúltimo concerto dunha xira que xa nolos trouxera, con repertorio algo reducido, ao Festival do Norte e ao Castelo de San Antón. O éxito desta última axudou a que repetisen só tres meses despois no Teatro Colón, sen reducir contido e dentro da Selección Noroeste Outono. Desde que abriron con “45 cerebros y un corazón” até o peche nos bises con “A la vida” era tarefa case imposíbel non quedar atrapado pola voz de María, as guitarras e os efectos de Marcel e o traballo exquisito do seu técnico de luces.

Durante case hora e media xogan co minimalismo, o (re)coñecemento da tradición oral e do cante, a combinación de ideas vellas e novas, do presente coa electrónica … e terminan de captar a atención cunhas presentacións sinxelas. Pasan con soltura do máis acústico ou contido (“Ball del vetlatori”, “Bienes”, “Cançó de Marina Ginestà”, “Cançó del taxista” …) ao máis abertamente ruidoso e rabioso (“La gent” e o seu mantra, “Jo no canto per la veu”, “No he desitjat mai cap cos com el teu” …) e contan con pezas que enganchan desde a primeira escoita, coma as celebradas “Canción Total”, a marabillosa “Tú que vienes a rondarme” e a nova “Big data”, froito da súa relación coas redes sociais durante esta xira.

Agardamos un segundo traballo no que confiamos aínda que o listón estea moi moi alto.

Pepe Cunha, 16-novembro-2018

Facebook

2 days ago

Ábrete de orellas
ZËNZAR "rock en galego", rock e amizades na xira "30 anos bourando". Onte sábado montouse algo precioso ( Xurxo Souto dixit) na Sala Mardi Gras ... See MoreSee Less
Ver en Facebook