Los Visionarios “El arte de callar”

Novembro 20, 2022

Eis un novo traballo do “trio de electro-folk-pop medievalista en el que Manoel Macía y Luis González campan a sus anchas en el universo gráfico perversamente ingenuo creado por Román García Albertos”. En 2011 debutaron co álbum “Nuevos romances antiguos” como Caballero Reynaldo (alter-ego de Luis González) y el Visionario de Lupa e tras media ducia de álbums e algún EP reducen o seu nome a Los Visionarios, pero en absoluto diminúen a orixinalidade da súa proposta. Combinan músicas antigas e tradicionais con pop chapicado de influencias progresivas ou psicodélicas para cantaren pequenos dramas cotiás.

Para isto son necesarias a solvencia e experiencia de tres músicos que ademais se compaxinan ben, pois levan anos colaborando nos traballos de Caballero Reynaldo e eles mesmos son Los Caballeros del Amor Hermoso, cuxo debut “Sagrado Corazón de Jesús”, máis orientado ao pop-rock, comentei hai un meses. As dúas propostas teñen as súas coincidencias, como os músicos, esa duración pop de dous-tres minutos por canción e unhas letras cheas de humor, ironía, sarcasmo e sen ínfulas de transcender (“tengo opiniones sobre todo, todo me lo invento, con cuatro datos todo lo rebato, todo es un cuento” confesan en “Nada que decir”). Mais a diferencia ao pop máis directo e recoñecíbel do “Sagrado Corazón de Jesús”, “El Arte de Callar” é un álbum longo e máis complexo nas composicións, amosa uns arranxos de cordas máis sofisticados, os coros teñen un aquel case místico e as percusións resultan ben curiosas. E todo isto funciona moi ben, non se me asusten !

Se es de aparcar os prexuízos, polo menos de cando en vez, aquí tes unha pequena fantasía fóra de modas. Los Visionarios -e a súa discográfica Hall of Fame– son libres, poden facer o que lles presta e cando lles apetece. É o que ten vivir á marxe de calquera industria musical, da popularidade ou das esixencias habituais de comercialidade, simplismo e repetición. Como se non acabar un disco cunha suite de folk-pop sobre o polifonista do XVI-XVII “Carlo Gesualdo Superstar”?! Nun disco divertido, entretido e sorprendente, teño debilidade por “Viviendo en sueños”, “Voy a por tabaco”, a ”Oda al gin-tonic” escrita por José Urbano Hortelano, “Yo soy muy mío” (“iban en el coche oyendo reggaetón bien fuerte”) … E para quen xa goste do contido, recomendar a edición en CD digibook cun libriño de 24 páxinas e as ilustracións ben chulas de Román García.

Pepe Cunha, 20-novembro-22

https://losvisionarios.bandcamp.com/album/el-arte-de-callar?from=hp

Manoel Macía, guitarras cardinais e XYZ
Luis González, voces, letras, percusións e FX
Román García, baixos, letras e debuxos orixinais

repertorio

1.Tenemos que hablar
2.De repente un barroco
3.La gravedad
4.Tierra mojada
5. Verde
6.Voy a por tabaco
7.Azul
8.Oda al gintonic
9.Yo soy muy mío, ….
10.Lo que diga el otro da igual
11.Viviendo en sueños
12A veces ya es tarde
13.El arte de callar
14.Cuentos chinos
15.El fantasma era yo
16.Nada que decir
17. Amarillo
18. Carlo Gesualdo Superstar I
19. Carlo Gesualdo Superstar II
20. Carlo Gesualdo Superstar III

 

AXENDA

Facebook