nota:
Os abonos para os tres días poranse á venda o mércores 20 de maio ás 12.00h, mentres que as entradas de día poderanse adquirir a partir do xoves 21, á mesma hora, a través de sinsal.gal
Sinsal SON Estrella Galicia activa esta semana a venda de localidades para a súa nova edición na illa de San Simón (Redondela), que se celebrará do 24 ao 26 de xullo. O evento cultural, ao que só se pode chegar en barco e que é ben coñecido polo misterio do seu cartel secreto -o público só descobre quen actúa ao desembarcar-, inicia deste xeito a conta atrás para gozar dun dos festivais máis agardados do calendario estival.
A partir de mañá, mércores 20 ás 12.00 horas, na nova web oficial do festival (sinsal.gal) poderanse adquirir os abonos (tres xornadas) e, a partir do xoves 21 á mesma hora, as entradas de día. Estes billetes darán acceso aos concertos que se desenvolverán no arquipélago de San Simón; mentres que as entradas para o segundo bloque do festival -que, como novidade, se estende a Vigo e ao Camiño Portugués desde o 31 de xullo ao 2 de agosto- sairán á venda proximamente.
Situado recentemente entre as dez mellores iniciativas culturais de España pola Fundación Contemporánea, o Festival Sinsal SON Estrella Galicia mantén a súa aposta por un modelo de evento cómodo para o público e respectuoso coa contorna, restrinxindo a capacidade de acceso a San Simón a tan só 800 persoas por xornada. Para chegar ao arquipélago e acceder ao recinto, a única vía posible é a través dos barcos fretados pola propia organización. Por este motivo, o prezo de cada abono ou entrada de día xa inclúe a pasaxe de ida e volta en barco, que efectuará as súas saídas desde dous puntos da ría: o porto de Vigo e o Centro de Interpretación de Rande (Redondela). Co obxectivo de facilitar o acceso ás familias, ademais, o Sinsal volverá contar con prezos diferenciados para o público adulto e tarifas reducidas para menores de 17 anos.
A nivel artístico, a cita -que se desenvolve en horario diurno- volverá ofrecer unha programación aberta a unha enorme diversidade de estilos musicais. O cartel secreto deste ano porá o foco nos valores do territorio e na vangarda internacional, coa estrea de distintas bandas que actuarán por vez primeira en Galicia ou no Estado.
Sinsal SON Estrella Galicia
Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa da promotora viguesa Sinsalaudio para visibilizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena musical galega, estatal e internacional. En cada edición é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de agrupacións de países de África, América, Asia, Europa ou Oceanía.
A programación musical acompáñase de actividades paralelas divulgativas co obxectivo de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón, ademais de promover a concienciación ambiental, sostibilidade e recuperación de arquivos sonoros a través da Escola Sinsal. O interese que esperta este icónico festival de cartel secreto é tal que, en cada edición, os abonos e as entradas de día se esgotan en cuestión de días.
En 2026, o festival -que conta de novo co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da iniciativa Concertos do Xacobeo como da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas no marco de #RíasBaixasFest- celebrarase ao longo de dúas fins de semana consecutivas, conectando por primeira vez o corazón da Ría de Vigo con outros territorios e espazos singulares da contorna e do país veciño a través de directos íntimos que se sucederán no Camiño Portugués.
Venda de abonos e entradas Sinsal SON Estrella Galicia 2026 – ILLA DE SAN SIMÓN
Abono (tres xornadas) · mércores 20 de maio ás 12.00 horas
Entradas de día · xoves 21 de maio ás 12.00 horas
Única plataforma oficial de venda de billetes: www.sinsal.gal


