XIV concurso de maquetas Millo Verde

Abril 21, 2022

nota:

O vindeiro sábado 23 de Abril a Asociación Millo Verde festexará na “Feira do Gando”, como ven facendo dende 2008, o seu concurso de maquetas co obxectivo coma sempre de promover e apoiar os novos talentos musicais.

O evento que tradicionalmente serve como un aperitivo primaveral do festival de xuño, celebra a súa décimo quinta edición, que consistirá nun concerto de 4 formacións, 2 convidadas máis outras 2 que forman parte da final e dos que sairá o gañador.
A entrada custará 5€ e incluirá consumición mínima, vaso e papeleta de voto.

O evento dará comezo de tarde a iso das 16h a través do Basket 3×3, no que se fará un campionato que levará ata as 21h.
Ás 21h abrirán as portas do recinto onde a partir das 22h darán comezo os concertos. Os primeiros en subirse ó escenario serán In Albis, grupo redondelán que quentará a previa da final cos seus temas de rock.
Ao rematar, dará comezo a final do concurso chegando primeiro Lidia India, directamente de ferrolterra coas súas músicas influenciadas polos ritmos afrobrasileiros misturados coa súa raíz galega. O segundo finalista será The Mirror, procedentes de distintos lugares da comarca de Vigo e arredores, os cales despregarán o seu espectáculo de rock, funk e soul sobre o escenario da Feira do Gando. Para pechar a festa teremos no escenario a vellos coñecidos que xa nos acompañaron en varios eventos do Millo Verde como son os Kings of The Beach, os cales a día de hoxe están a petalo polo mundo adiante.
Este evento servirá para desvelar un dos grupos que formarán parte do cartaz do XV Festival Alternativo Millo Verde, que se celebrará os días 9, 10 e 11 de Xuño de 2022 na Praia da Punta en Cesantes (Redondela).

AXENDA