William Samson

Novembro 15, 2018

nota:

Will Samson no Sinsal 16 Outono Vigo por partida dobre. O 14 de novembro nas sesións anecoicas de Telecomunicacións; o 15, en concerto na Biblioteca da EMAO

O británico Will Samson conduce a súa música entre a electrónica, o experimental e o acústico. O resultado son cancións fondas, dun folk moi pero que moi delicado, que camiña por momentos a través de paisaxes electrónicas. Will Samson participa no Sinsal 16 Outono Vigo por partida dobre en dous recintos de aforo moi reducido: o mércores 14 de novembro nunha sesión na cámara anecoica da Escola de Telecomunicacións (15:30,
16:30) e o xoves 15 en concerto na Biblioteca da EMAO (20:15).

Cun avó nacido en Bengala Occidental (India) e unha avoa natural da Patagonia arxentina, semellaba inevitable que Will Samson desenvolvera un incontrolable desexo de viaxar. Nacido en 1988, pasou os primeiros anos da súa vida na costa oeste australiana, para regresar á súa Inglaterra natal aos 10 anos, e embarcarse aos 19 nunha viaxe de catro meses por distintas partes de Asia e a cordilleira do Himalaia. O último álbum de Will Samson, Welcome Oxygen (Talitres Records), foi maioritariamente composto e gravado en Portugal, onde xa conta cun público numeroso.

Amante das tecnoloxías analóxicas de síntese e gravación, o día 14, en dúas sesións, 15:30 e 16:30, o británico entra na cámara semianecoica da
Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Uvigo. Esta cámara é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e
electromagnéticas. Unha sala na que practicamente non hai eco nin reverberacións. Os músicos que até agora participaron nesta experiencia destacan o silencio, a percepción multiplicada e, polo tanto, o coidado e a adaptación que requeriu a actuación en directo. A entrada como público para estas sesión é de balde, con inscrición previa no correo info@sinsalaudio.org debido á reducida capacidade do espazo.

Tras o seu paso pola cámara semianecoica, o xoves 15 de novembro Will Samson dará un concerto na marabillosa biblioteca da EMAO, con aforo
reducido, ás 20:15. A entrada, 5 euros, á venda en ataquilla.com, Honky Tonk Discos, Elepè Discos e Versus Librería.

William Samson en Sinsal 16 Outono Vigo

15 de novembro: Will Samson (Biblioteca da EMAO, García Barbón 5),
20:15h
Entrada: 5 euros. Capacidade limitada. Venda anticipa en ataquilla.com,
Versus Librería, Honky Tonk Discos e Elepè Discos.
A billeteira abre media hora antes do comezo dos concertos.

AXENDA

Facebook

20:15 h.
Biblioteca da EMAO, Vigo.
5 €