Unto Vello son mostra do labor bo e constante feito por conservatorios e asociacións en torno ás músicas tradicionais, así como da súa repercusión entre a xente nova nos últimos anos. Bieito Pereira (voz e percusión) e Xabi Gómez (voz, percusión e acordeón) xuntáronse en 2024 e en marzo de 2026 xa presentaron este traballo nunha Sala Capitol chea. Ademais, non paran de gañar simpatía entre o público que os coñece nos seus abondos concertos e xa foron finalistas nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional. “Unto Vello débese a todas as cantareiras que nos deron os seus saberes, tanto vitais como musicais e que pretendemos respectar á hora de montar as nosas pezas”
“Immaterial”, como o patrimonio transmitido por esas cantareiras e pandeireteiras, recompila cantares recollidos polo dúo por todo o país e aos que aplican arranxos propios con instrumentación tradicional e voz. O dúo canta ben bonito e leva o peso dun disco que reivindica o baile e o colectivo. En “Anxeriz” están acompañados por Saínza Piñeiro, en “Illa de Ons” por Lina e Lola, en “Gargamala” polos Pandeireteiros do Fiadeiro e n'”O pazo” por Julia e Luz Divina. Ademais, é isto é chave na sonoridade da gravación, contan coa produción do Hevi, que no tradi traballou recentemente con Faia Díaz e Mondra, con quen colabora precisamente Xabi. O disco soa directo, fresco, sen enfeites instrumentais, case sempre invita ao baile e -asignatura pendente esta de crearmos novas letras- os versos son os das recollidas.
Sobre estas, no libriño que acompaña o CD a cada un dos doce títulos achegan liñas introdutorias sobre anécdotas ou o lugar de cadansúa recollida, e así sabemos que “Cerqueda” foi a primeira peza que tocaron xuntos hai catro anos, que “Corcubión-Corralín” xurdiu dunha viaxe a Asturias, que a gravación en “Campos de Portugal” vén de 1965 ou que a final “O pazo” está tamén gravada ao vivo, regada cuns chupitos e coas súas “avoas da pandeireta” Julia e Luz Divina. Coma elas, as auténticas protagonistas do disco son “aquelas persoas que nos abriron un día a porta das súas casas e das que aprendemos todo o que está representado neste noso primeiro disco“. Inevitábel pensar naquel debut das Leilía en 1994, máis cru no son pero igual de auténtico.
Pepe Cunha, 16-xullo-2026


