Secho “O lugar do crime”

Novembro 03, 2026

artigo publicado no suplemento Sermos de Nós Diario o sábado 31 de outubro de 2026

Noutro momento de efervescencia alternativa ou soterrada da música “pop” no país, na década pasada, existiu unha sorte de asociación discográfica chamada Discos da Máquina. Editou discos de Caxade, Ataque Escampe, Grampoder, Das Kapital, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, The Lost Omelette Makers ou Secho y los Invisibles. Estes practicaban á galega un pop de raíz folk norteamericana nun primeiro disco, “Xa fai un tempo” (Discos da Máquina, 2016), que quedou case como unha bonita curiosidade.

Puido parecer un oasis ou anécdota, até que cinco anos despois Secho reapareceu en solitario con “Recuperar” (2021), un traballo con cancións notábeis, de novo unhas letras singulares, esa voz como anenada de seu e ademais colaboracións salientábeis de Guadi Galego ou García MC. Semellaba que desta vez a proposta de Sergio Castiñeiras ía ter maior repercusión. Porén, a cousa volveu quedar aí, como outros proxectos dun país que semella nunca asentar unha escena-industria-maquinaria musical diversa e equilibrada.

Agora, após outro lustro, chegan sete cancións gravadas nun día, ao vivo e en formación de trío (agás o trombón de Manuel Espiño e coros). Secho compón, canta, toca sintetizador, guitarra acústica e participa nos coros canda Dani Riveiro (percusión) e Lois Carlín (baixo e piano). Xa que logo, a mesma sección rítmica do anterior álbum. Todo apoiado na produción, gravación e mestura do Hevi. Se sinalamos que “Recuperar” fora gravado, mesturado e masterizado por Iago Pico, vemos que Secho elixe ben con quen aquela os discos.

Honesto e libre, á marxe de calquera imposición ou carril establecido, Secho marca o seu ritmo, o que lle peta e cando quere ou pode. Comparte historias, dúbidas, reflexións, sensacións e imaxes nun cancioneiro recollido, homoxéneo, calmo, preciso, sen filigranas. Mais tamén atende á presentación física, pois repite no deseño co artista multidisciplinario David Cuence. Na capa vemos unha imaxe familiar sobre o banco da matanza da casa dos avós. Ademais, para darlle aínda máis valor ao conxunto, o disco non estará dispoñíbel nas plataformas musicais até dentro dun ano para “reivindicar o traballo que hai detrás do tanxible, antes de alugarllo a prezo de saldo aos señores feudais dos tempos novos.”

“O lugar do crime”, “Un día de festa”, “Os abázcaros” (inspirada nun poema de Antía Otero) ou “Casual” reflicten os sentimentos dunha alma entre os “40-50”, desde lembranzas da casa familiar até a conexión cun podcaster, referencia a algunha serie … A escena é rica canto máis diversa en propostas independentes, honestas, valentes. Esta é das que suman. Que chegue a máis ouvidos, saian concertos e o próximo disco non volva tardar cinco anos.

Pepe Cunha, 15-outubro-2026

AXENDA

Facebook