A Pedreira na selección oficial para formar parte dos prestixiosos Official Showcases do WOMEX 2026

Outubro 16, 2026

nota:

A música galega volve situarse no epicentro da escea internacional. A aclamada cantautora, psicóloga e activista cultural Ugía Pedreira, coñecida artisticamente como A Pedreira, foi a única española na selección oficial para formar parte dos prestixiosos Official Showcases do WOMEX 2026, o encontro de músicas do mundo máis importante a nivel internacional.
O seu concerto na 32a edición dos WOMEX (Worldwide Music Expo) será o xoves 22 de outubro ás 21:45h en Plaza Stage -Praza do Espigón-, nas Palmas de Gran Canaria. Un fito importante na súa carreira pola oportunidade que implica darse a coñecer nun escaparate global inigualable que reunirá a miles de profesionais da industria musical.

A custodia do ancestral no mundo contemporáneo Con máis de trinta anos de traxectoria, A Pedreira é unha referencia imprescindible no panorama musical galego. Pioneira en establecer diálogos transgresores entre a música galega e ás músicas do mundo, deu vida a proxectos históricos como Marful (música popular urbana), Nordestinas (jazz de
raíz) ou A Descarga ao Vivo (fusión da música galega coa afrocubana). Elixida no WOMEX por un xurado independente e internacional de entre máis de 1.000 candidaturas procedentes de todos os recunchos do globo, este recoñecemento pon en valor a súa sólida traxectoria que suma xa 12 álbums publicados.

Cunha capacidade única para articular hibridacións sonoras audaces e de alta mestría poética, a súa proposta enmárcase no folk de vangarda con inspiracións do jazz, do afrobeat, do rock e do trance. O seu son reconstrúe a alma indíxena europea, evocando unha panxea onde os pobos compartían símbolos e ritos na “fin do mundo” do vello continente, ao final do Camiño de Santiago.

A súa voz, dotada dunha sorprendente intelixencia emocional grazas ao seu oficio de psicóloga, atravesa o corpo, libera e transforma socialmente a través do canto e o seu movemento. Animal escénico capaz de encher o palco de vida, A Pedreira canta en aberto co corazón na man, convertendo os seus concertos nunha catarse a prol da saúde mediante a arte. Sobre o escenario do WOMEX, estará rodeada dun elenco cosmopolita formado polo pianista de jazz cubano Alejandro Vargas, o guitarrista brasileiro MauricioCaruso e a multinstrumentista ferrolá formada en Londres, Lorena Cachito.

Web A Pedreira

AXENDA

Facebook