Tinariwen + Narf Trío

Xullo 30, 2014

Festas do Apostolo 2014.
22.00 h: Narf Trío (Compostela)
23.00: Tinariwen (Malí)

O concerto desta banda orixinaria de Malí seguiralle ao directo de Narf Trío o 30 de xullo
O rock tuareg de Tinariwen completa o Programa das Festas do Apóstolo en Santiago de Compostela

Unha das máis sorprendentes bandas musicais do século XXI aterra en Compostela para completar o programa das Festas do Apóstolo 2014, nun concerto gratuíto organizado polo Concello de Santiago en colaboración coa produtora I-Radia Crea. O 30 de xullo actúa na Praza da Quintana Tinariwen, chegados desde Malí e nacidos das rebelións tuaregs de finais dos anos 70 para converterse nunha revelación internacional. Tanto é así que en 2011 gañaron o Premio Grammy ao mellor álbum de World Music co seu traballo “Tassili”, que supón un regreso ás raíces nómades do pobo tuareg, coas guitarras evocando esa lenta viaxe polo deserto.

Ás 21 horas comezará o espectáculo co último proxecto musical do artista Fran Pérez “Narf”, Narf Trío, de recente formación e integrado ademais de polo músico compostelán, por L.A.R. Legido na batería e por Alberte Rodríguez “Ho Chi Ming” no baixo. Cun directo fresco e contundente, interpretan á artista galega máis universal, Rosalía, desde a linguaxe do rock cunha visión contemporánea e enérxica dos seus textos.

Con máis de 30 anos de carreira, Tinariwen superan os límites coñecidos da guitarra eléctrica como instrumento, nun hipnótico estilo forxa no exilio arxelino e libio que bebe da música tradicional, o pop norteafricano e distintas variantes do rock occidental. Son múltiples as etiquetas coas que se refiren á banda, desde blues do deserto, a rock subsahariano con alma bereber… Todo para definir un estilo único e diferente, que renova a cultura tuareg entre cancións de loita e de esperanza. O líder de Blur, Damon Albarn, sitúaos entre os mellores músicos do mundo, e teñen recibido recoñecementos de artistas como Brian Eno, Tom Waits ou U2.

Chegan a Compostela co seu sexto álbum de estudio, “Emmaar”, gravado en California por mor dos problemas políticos e da complexa situación que segue a vivir o norte de Malí. Contan coa colaboración neste traballo do guitarrista de Red Hot Chilli Peppers, Josh Kinghoffer, o multi-instrumentista Fats Kaplin (pedal Steel, mandolina, guitarra, violín…), habitual de Jack White; Saul Williams e o guitarrista Matt Sweeney. Participacións de luxo para un traballo que cristaliza a esencia do stone rock e o assouf (a nostalxia) dos tuareg.

AXENDA

21:00 h.
Praza da Quintana, Santiago de Compostela.
De balde.