The Gift + Best Boy

Novembro 14, 2015

nota:

The Gift celebran 20 anos nos escenarios con concerto no Auditorio Mar de Vigo

O próximo 14 de novembro, único directo en Galicia da xira aniversario da banda portuguesa máis internacional e o artista convidado será Best Boy

A banda portuguesa máis internacional e popular dos últimos anos (máis de 350.000 seguidores na súa páxina facebook) celebra o seu 20 aniversario nos escenarios. The Gift chegan a Vigo o vindeiro sábado 14 de novembro no que será o único concerto galego desta celebración. A banda, coa cantante Sónia Tavares á fronte, actuará no Hall do Auditorio Mar de Vigo nun show que, segundo o grupo, será toda unha celebración. As entradas anticipadas xa se poden adquirir en ataquilla.com a un prezo de 25 euros. O concerto contará con artista convidado: o grupo Best Boy.

“Hai 20 anos atrás, en Alcobaça, non pensábamos nos anos que ían vir. Non imaxinabamos máis nada que o día a día. Nada nos facía máis felices que subir ao palco para tocar, un día e outro día. Hoxe é igual. Nada nos fai máis felices que subir as escaleiras de cada escenario…E hoxe 20 anos despos anunciamos o noso maior destino, a celebración”, din no grupo, formado por Nuno Gonçalves, Miguel Ribeiro, John Gonçalves e Sónia Tavares. Precisamente en agosto de 2014 comezaban a celebración deste aniversario cun concerto na súa vila natal, ante o Mosteiro de Alcobaça (Portugal) e diante de 20.000 fans. O mesmo sitio que os acolleu cando comezaban e no que deron un dos seus primeiros concertos en xullo de 1995, cando os membros do grupo tiñan idades comprendidas entre os 17 e os 22 anos.

The Gift xurdiron en 1994 como un proxecto paralelo aos Dead Souls, a banda da que formaban parte Gonçalves e Ribeiro. O proxecto secundario foi engradecéndose coa entrada de Ricardo Braga (que sairía do grupo a finais dos noventa) e Sónia Tavares, cuxa voz definiu en boa parte o que sería a sonoridade de The Gift. “Digital Atmosphere”, o seu primeiro disco, sae editado en 1997. A partir de aí, traxectoria sempre ascendente; en 2005 consiguen o galardón “Best Portuguese Act” nos MTV Awards polo disco dobre “AM-FM” e en 2007 Nuno Gonçalves é chamado para revisitar a obra da señora do fado Amalia Rodrigues, nacendo o proxecto “Amalia Hoje” do que tamén formou parte a cantante Sónia Tavares.

En 2010 gravan en Madrid “Explode”, un disco que conta coa produción de Ken Nelson (responsable de discos de Coldplay e Kings of Convenience, entre outros), viaxan á India e colócanse de número un nas listas de éxitos de Portugal. O disco será comercializado a través da web da banda. No ano seguinte, tras un éxitoso show no Rock in Rio en Rio de Janeiro (Brasil), emprenden xira polos EUA e Canadá. Chegaría despois o disco “Primavera”, gravado en 10 días en Belem, e o retorno a Rio de Janiero en 2012, para compartir escenario con Stevie Wonder e Bryan Adams ante 40.000 persoas; en 2013, tour en Australia. A súa popularidade acrecentase coa participación de Sónia Tavares como membro do xurado no programa televisivo X Factor, edición Portugal.

Tras máis de un ano preparando novo disco, The Gift veñen de presentar o single “Clássico”, un avance dos concertos conmemorativos do 20 aniversario, con 2 únicas datas en decembro en Portugal (Guimaräes e Lisboa) e unha única en Galicia, Vigo, o 14 de novembro no Hall do Auditorio Mar de Vigo ás 21h. As entradas xa están á venda en ataquilla.com cun prezo de 25 euros; na billeteira do Mar de Vigo o mesmo día do concerto terán un prezo de 30.

“Celebramos 20 anos cun sorriso aberto e convidamos a todos, os que dunha forma ou de outra, nos tiveron nas súas vidas. En 20 anos muda todo. En 20 anos cámbiase tanto. Mudamos aquilo que nos rodea e ás veces temos a sorte de entrar na vida das persoas. Celebrar 20 anos é iso mesmo, ter ao noso carón a quen se deixou levar por un espectáculo, un disco, unha canción ou só un estribillo”, sinalan The Gift.

O concerto 20 aniversario The Gift en Vigo está organizadopor SoliMusic Events.

AXENDA

21:00 h.
Hall do Auditorio Mar de Vigo.
25 / 30 €