Foto de Cris Padín
En decembro de 2023 as Tanxugueiras marcaran un fito na historia da música galega ao encheren o Coliseum da Coruña. Case tres anos despois elixiron o mesmo recinto para presentar na Galiza “O cuarto”, o álbum que editaron este ano. E volveron encher, desta vez sen a inercia do seu paso polo Benidorm Fest e as cancións potentes que foron editando apoiadas naquel chimpo de popularidade (“Pano corado”, “Midas”, “Figa”, “Terra”). Nos tempos fugaces, coa inmediatez que padecemos e cun álbum máis macerado, maduro ou contido cómpre recoñecer aínda maior o mérito de volveren encher con máis de 8000 entradas vendidas.
Abriron o serán as Lagharteiras, nunha clara reivindicación da tradición que continuaría co protagonismo que as cantareiras e pandeireteiras máis novas de AdeLina tiveron ao longo do concerto. Realmente as do Morrazo foron unha extensión de Olaia, Aida e Sabela e os tres músicos na banda pois participaron da maioría dos cen minutos da actuación. Non só nas voces e nas pandeiretas, senón tamén nos movementos dunha posta en escena tan elegante como brillante de luces e son na que tampouco faltou o baile de Fran Sieira, Artur Puga …
Ademais das AdeLina, e como acontecera na anterior ocasión, no musical houbo invitadas para nos regalar as colabos xa coñecidas “Ghatinha mansa” con Caamaño&Ameixeiras, “As que tiñan que estar” con Juancho Marqués ou “Hoxe. mañá e sempre” con Valeria Castro (que repetía con elas no Coliseum) e un par de primicias canda Baiuca e Lilaina (“Salitre”) e María José Llergo. Tamén recuperaron pezas non editadas en disco, como “Rondallas” “Pedindo perdón” ou “Quen é a que canta?”, mais merece mención especial que subisen ao palco os seus dous primeiros produtores e grandes músicos do país como Pedro Pascual e Isaac Palacín. Con eles lembraron respectivamente o disco homónimo de debut (“Glasgow” foi un dos momentos máis emotivos para quen as seguimos dende aquela) e “Contrapunto” (“Río verde”, “Desposorio”, “Malquerenza”).
Porque se trataba tanto da presentación do novo disco (do que coido que só faltou “Comigo”) como a celebración dunha década de traxectoria, esa que comezaron desde abaixo, cun crecemento e traballo constantes e sólidos que resistiron o furacán mediático e a sobreexposición a carón da xira de “Diluvio”. Como amosou a súa emoción durante o concerto, e sobre todo coa final “Todo amaina”, pasaron momentos realmente duros. Porén, ser auténticas, conscientes de onde veñen e o compromiso co que supuxeron para a música do país tivo que axudar.
A consideración e o respecto das Tanxugueiras non vén da promoción e oportunismo. A base de talento, traballo, agarimo e equipo, regaláronnos unha noite das que non se esquecen, intensa, cun espectáculo equilibrado entre historia e presente e unha produción de primeiro nivel que tivo sorpresas e nos fixo bailar, cantar, chorar e escoitarmos con atención.
Pepe Cunha, 18-outubro-2026


