sés “tronzar os valos”

Abril 09, 2015

O proxecto musical de María Xosé Silvar crece constantemente en repercusión, vendendo miles de discos nestes tempos e contando con moitísimo público nos seus concertos. Ademais faino cun discurso reivindicativo, alonxado do aséptico e compracente: desde o pobo, en galego e en feminino. Neste contexto, chega un terceiro disco que reforza as maneiras de “Co xenio destrozado”, as dunha produción máis identificábel cos concertos que a do debut “Admirando a condición”.

Se á canción lle chegan guitarras acústicas, aí está para brillar Tito Calviño (“Un pensamento”) e, se presta, engádese un ornamento fermoso de violín (“Máis que quimera”). Se toca rock clásico con peso, pois a banda do directo, eléctrica e de sección rítmica contundente (impecabeis Marcos Pazo e Fran Sanz) para “Baixo o cemento” ou “Sentir sen pensar”. Esta abre o disco exemplificando as dúas caras da vocalista: unha máis suave e matizada e outra máis desgarrada, directa e brava. Desde ese momento, de novo a alternancia -talvez mellor artellada que no anterior álbum- das referencias norteamericanas e sudamericanas. Iso si, coma novidade, aprécianse aires máis pop en “Novas ganas de soñar”, góspel-soul en “Opio barato” ou funky en “Iconoclasta” (a salientar as Lucías nos coros da primeira e o hammond de Anxo Seco en ambas). O arume a pura canción protesta latinoamericana tráeo “Dous mil anos máis”, “Humanamente” o son cubano e “Como eu canto” o toque tradicional do país.

Este é un terceiro disco de consolidación, que reforza os puntos fortes e non achega sorpresas estilísticas. Sés consolida con ideas firmes e innegociabeis (“Escolliu moi mala egua quen me queira desbravar”) un lugar ponte na escea galega, entre as bandas de rock reivindicativas e o tradicional -de aquí e de fóra-, sempre cun peso enorme dos textos. En ocasións estes poden espesar ou desequilibrar o binomio letra-música, pero o máis importante é que segue a entregar momentos lúcidos no lírico e algunhas cancións máis que notabeis, coma a que titula o álbum, “Opio barato”, “Un xeito de borrarte” ou “Novas ganas de soñar”.

Pepe Cunha, 9-abril-2015

AXENDA