Samaín Rock: Guerrera + Burgas Beat + Lendrone + Pastillas Mamut

Outubro 31, 2012

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro mércores 31 de outubro o Samaín Rock, un novo concepto de xornada lúdico-musical auspiciada por Desconcierto Cultural, que, tras o éxito acadado na Romaría Pop, e coa colaboración do Concello de Santiago, vai desenvolver outro evento gratuíto e de acceso libre onde se combinen o espírito das festas populares coa música rock galega. Así, conxugaranse os elementos típicos desta festividade (alimentos tradicionais da época, castañas, queimada, os disfraces) coa música en directo de artistas e bandas galegas emerxentes e consagradas, que terán unha oportunidade de mostrarlle as súas cancións a un público ávido de novas propostas.

O Samaín Rock celebrarase na Praza dos Bombeiros de Santiago, lugar de localización céntrica, con escasos veciños e de paso moi frecuentado dentro do centro histórico da cidade, onde se celebraron en anos anteriores as cacharelas do San Xoán. Será a partir das oito da tarde e todo o mundo está convidado; propoñémoslles a todos os asistentes que veñan disfrazados de músicos de rock para ambientar a xornada. En caso de chuvia, a celebración trasladarase á Zona C de Santiago.

Como en todas as actividades organizadas pola asociación Desconcierto Cultural, a música é o máis importante: ata catro das bandas máis excitantes e dispares do panorama galego van actuar no Samaín Rock. Guerrera, Burgas Beat, Lendrone e Pastillas Mamut achegarán variedade e calidade ao evento, en concertos que se van espazar entre as 8 e as 12 da noite.

AXENDA

20:00 h.
Praza dos Bombeiros de Santiago
De balde.