rodrigo romaní “as arpas de breogán”

Decembro 10, 2012

Se no seu día entrou na historia da música tradicional galega como membro fundador de Milladoiro, Romaní hai tempo que se converteu no gran impulsor da arpa céltica, con permiso de Emilio Cao. Aínda que non se prodiga na publicación de discos de seu -xa pasaron 9 anos desde “Cantos Caucanos”-, cómpre ter sempre en consideración o seu labor docente na Aula de Arpa Céltica da ETRAD (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional), a dirección da orquestra Sondeseu e mesmo a divulgación das músicas do mundo polas ondas de Radio Galega Música.

Como indica o título do terceiro disco en solitario, a arpa céltica é a gran protagonista, pero vai acompañada de voces, contrabaixo e percusión en formato de cuarteto, ocarinas ou detalles de ambientación electrónica. Partindo do folklore tradicional, recréanse pezas como “Mi morena” e chegan até a música clásica nun par de suites: “As arpas de Breogán. Suite en Mi bemol” e “Suite en Re para dúas arpas”. N” “As Arpas de Breogán” predominan os momentos a degustar relaxadamente, pero tamén hai lugar para pezas cantadas como “O Feitizo de Añón” cantada pola nena Noela Dosil, “Rosa de Abril” de Andrés Gaos sobre texto de Rosalía de Castro e cantada por Inés Lorenzo e a máis inmediata “Rumba para Susi”, transcripción da composición de Ernesto Campos.

O virtuosismo e a capacidade docente de Romaní dan coma resultado un traballo que resulta unha ponte ideal entre o virtuosismo da música culta e as estruturas máis populares do tradicional.

Edita Fol Música

Pepe Cunha, 10-decembro-2012

AXENDA