Os Carunchos “Unha gorza chea de paxaros”

Maio 09, 2024

Unha das formacións imprescindíbeis da nosa música popular celebra 30 anos de traxectoria con un disco-libro no que musican precisamente un dos nosos poetas máis populares: o chairego Manuel María. “Unha gorxa chea de paxaros” é a edición fermosa dun todo no que ademais das músicas trece músicas gozamos dun limiar emocionante de Xurxo Souto centrado na transcendencia do poeta, un texto de Xaneco que relata a traxectoria dos Carunchos, un repaso por fotos e discografía da banda e o deseño de cuberta e as ilustracións de Laura Romero. Marabilla, que diría o compañeiro Xurxo.

Non é a primeira vez que Os Carunchos musican Manuel María pois no seu disco “Cantares” incluíron “E vai polo río”, nin a primeira vez que o poeta inspira un disco enteiro. Aí están o pioneiro “Os soños na gaiola” de Suso Vaamonde, “Canta o cuco” de Uxía e Magín Blanco, “Andando a terra” tamén de Uxía, neste caso con Sérgio Tannus, ou “Teatro do guiñol” de Pirilampo. Sen dúbida, trátase dun dos nos poetas máis musicados dada a súa produción ampla, dirixida a diferentes públicos e sempre apelando a sentimentos e emocións ben universais; e tamén por unha musicalidade intrínseca moitas veces comentada. Todo isto reflíctese nun repertorio no que atopamos desde poemas antes musicados ou tan recoñecíbeis como “A fala”, “Galiza” ou “A poesía” até un inédito como “Florencio da Fontaneira”, adicada ao Cego dos Vilares.

Os cinco Carunchos actuais, co fundador Luís Correa á fronte, encárganse de arranxar unhas melodías tamén próximas, sentidas e de cantar as verbas de María acompañándose dun son de directo e unha instrumentación tamén popular: gaitas, acordeón diatónico, zanfona, pandeiretas, tambores, caixas, bombos, culleres … Ademais das mencionadas, non perdan composicións tan atinadas como “O poder de esquecer”, “Tríadas dos soños” ou “Pastor”.

Pepe Cunha, 10-maio-2024

Facebook