A banda referente da Galicia tropical con mensaxe volve cun EP titulado como a canción que o abre e desde xa un dos versos dos ano: “A primavera ten que ser nosa”. E cando digo volve non é porque marchara senón para sinalar o moito que tivemos que esperar tras aquel fantástico segundo disco: “Se7edezase7e” (2017). Dende entón houbo cambios na banda coa saída da acordeonista Cristina e o pasamento do inesquecíbel batería Jaime Mateo. Porén, os orixinais Ico, Abraham e Xurxo manteñen o facho orixinal e abren as portas a Lorena de Vinteún nas percusións, Yago Jimmy na batería, Héctor Lorenzo nalgunhas guitarras e nada menos que Nacho Muñoz en teclados e sintetizadores. Entre todas redondean un traballo que sabe a pouco.
O comezo imbátibel que titula o disco é mostra do encanto nas letras de Ico, populares, cos pés na terra e o ben colectivo, animando cun sorriso á loita por unha primavera coa que derrotarmos o inverno. “Cómpre ter a man unha navalla” é un deses medios tempos que invita ao baile contido sen deixar de meter o dedo no ollo na realidade que nos arrodea. “Cumbia de interior”, a peza que asinan Ico e Xurxo, é puro son maxín cumbiero co engadido nos coros de Mounqup. Polo contrario, as outras dúas pezas apuntan a sonoridades máis sorprendentes: “A última india da terra”, título ben claro, lévanos a unha sorte de mantra de sete minutos cun spoken word no que apelan á conciencia sobre o territorio, as persoas que o habitan e a dignidade do conxunto; e “O carballo” arrólanos coa súa calma sobre theremin e baixo que acompaña unha letra de fermosura vital, de cousas sinxelas pero importantes e intensas: “Sinto que crezo ao teu lado, que os paxaros aniñan en min, que o vento abanea as miñas pólas. Sinto que así son feliz“.
Mentres degusto esta case media hora agardo que non teñamos que esperar anos por novas cancións do Sonoro Maxín. Asemade, estou atento a que me colla preto un dos seus concertos, poucos para o que merecen. Que non falten a súa lírica e a mestría dos ritmos pasados por esa chispa ourensá !
Pepe Cunha, 18-maio-2023