Puerta Sur “Azabache”

Novembro 24, 2020

O encanto que asociamos aos concertos no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) non é só unha cuestión de ter artistas populares a só uns metros e a carón da praia. A verdadeira maxia é descubrirmos outras propostas e sermos testemuña dos encontros entre artistas. Estas ocasións nas que se ven, se escoitan e mesmo improvisan algo nun clima relaxado, porque nunca se sabe cando xorde a química do talento e a inspiración. O que non é nada habitual, aínda, é atopar discos gravados alí mesmo.

Mais velaquí o froito discográfico dunha desas colaboracións, a da base rítmica que acompañaba a Jorge Pardo, grande referente na mestura do jazz e o flamenco entre outros estilos, e o vibrafonista que estivera alí tocando a noite anterior. Este, Ton Risco; aqueles, Dani Domínguez (batería) e Joan Masana (contrabaixo), músicos con cadansúa traxectoria individual que presentan agora un proxecto que parte coa singularidade da súa instrumentación e se basea na liberdade do jazz e a querenza polo flamenco, aínda que desde un certa distancia, a de dous galegos e un catalán.

“Azabache” conta coa colaboración especial de quen os xuntou: Jorge Pardo, á frauta e na composición dos temas que abren e pechan o álbum. Das outras autorías, tres pertencen a Risco e unha a Domínguez, pero agasallan tamén unha versión notábel do mítico “Alfonsina y el mar”. Xuntos achegan outro xiro de porca ao diálogo entre jazz e flamenco do que o seu “alcahuete” Pardo é figura imprescindíbel. Este exercicio de liberdade musical e bo gusto, con pezas tan engaiolantes como a que o titula, non desmerece nin un chisco canda o seu “padriño”.

Pepe Cunha, 25-novembro-2020

1. Moropop
2. Azabache
3. La Solera
4. Octubre
5. Alfonsina y el Mar
6. Coma quen non está
7. Náutico

Produción executiva de Puerta Sur e Luneda Producións, a fotografía é de Pixelín Photo e o deseño de Iskoö.

AXENDA