Tras o éxito de “Tic Tac” e “Toc Toc”, Pablo Díaz regresa con “Tic Tac Toc”, once novas composicións directas, divertidas e positivas para que a festa estea ben servida. De novo non o fai de calquera xeito, senón que segue a presentalas acompañado de músicos cuxo traballo coñecemos doutros proxectos coma Olga Kirk, Diego Barral, Antón Díaz, Carlos Freire … E ademais suma colaboracións puntuais dos irmáns Tinaquero, o irmá do noso protagonista Xabier Díaz ou Tito Calviño. O bo son está asegurado.
A familia bailará ritmos populares diversos (pop, ska-reggae, rocanrol, samba, country …) e cantará ao San Xoán, viaxar, a nosa lingua, o acordeón de “O tío Ramón”, a sermos cowboys, o pintor Antón, as personaxes de contos populares, as botas de auga, o día da paz … E todo presentado nun libro coas ilustracións tan bonitas de Almudena Aparicio.
“Tic Tac Toc” é outra mostra de que temos unha fonte inesgotábel de talento para cantarmos no noso idioma desde a nenez e apreciar valores da vida. E o que me parece ben importante: que @s adult@s se implicarán coas crianzas sen se sentir incómod@s. Todo o contrario.
Un éxito familiar inmediato que edita Galaxia a través da súa colección Sonárbore.
Pepe Cunha, 26-decembro-2016