os Premios da Música Martín Códax celebrarán o 21 de outubro a súa gran festa

Xuño 17, 2020

nota:

A GALA CELEBRARASE NO PAZO DA CULTURA DE PONTEVEDRA

A Asociación Músicas ao Vivo, organizadora dos Premios Martín Códax da Música, vén de anunciar que xa teñen nova data para a celebración da gala na que se coñecerán os proxectos premiados da súa xa sétima edición. Será o 21 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra sempre que as condicións sociosanitarias polo COVID-19 o permitan.

Na que se converteu desde hai uns anos na gran festa da música galega cambiarán algunhas cousas pola situación de pandemia na que nos atopamos, mais non todas. Así é o caso das marabillosas Melómanas, realizadas un ano máis por Víctor Lorenzo, que caerán en mans dos proxectos premiados nas 20 categorías e que xa son todo un elemento identitario dos Premios.

Dende Músicas ao Vivo salientan o atípico desta sétima celebración e a “complexidade a nivel organizativo” que supón adaptar os Premios ás circunstancias que vivimos para non teren que cancelar a gala. Con todo, esta edición gozou tamén de moi boas novas, como a de ser a máis exitosa de todas a nivel inscricións, cun total de 577, ou a concesión do Premio Honorífico a unha muller cunha gran traxectoria artística como é María Manuela.

Á espera de coñecer as condicións concretas nas que poderá desenvolverse o evento o día 21 de outubro, desde a organización dos Premios agradecen aos seus patrocinadores (Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, AGADIC, Deputación de Pontevedra e Cadena Ser), tódalas facilidades brindadas neste proceso e a súa implicación no mesmo.

AXENDA