O Cantos na Maré regresa do 13 ao 15 de setembro para celebrar por todo o alto a súa 15ª edición

Agosto 22, 2019

Nota:

O Cantos na Maré regresa á cidade de Pontevedra os días 13, 14 e 15 de setembro para celebrar unha décimo quinta edición que acollerá 15 concertos e máis dunha ducia de actividades.

Os espectáculos terán lugar no Pazo da Cultura, no Teatro Principal, no Museo de Pontevedra e en diferentes espazos do Casco Vello, que se converterá nun auténtico escenario.

O vindeiro luns (de 00.00 do domingo 25 a 00.00 horas do luns 26) sairán á venda de forma especial para celebrar o 15º aniversario 100 abonos (que dan entrada a toda a programación) a 30€ antes de coñecer o cartel, que se anunciará ao día seguinte. A oferta supón un aforro do 40% sobre o prezo posterior.

O novo Cantos na Maré

Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia coa Lusofonía, Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación. O Festival quere atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos. Coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza. Non só haberá novos contidos senón tamén novos espazos para desenvolver actuacións e accións espallados por toda a cidade de Pontevedra, que se sumarán ao habitual espazo central do Pazo da Cultura, pois CNM tamén pretende ser un festival que promova a descuberta e revalorización do patrimonio da cidade.

AXENDA

Facebook