nada surf “the stars are indifferent to astronomy”

Xaneiro 30, 2012

Este trío novayorkino sempre contou cun plus de repercusión e complicidade en España polo seu baixista Daniel Lorca. Agora a relación se estreita con Galiza porque editan co selo de Ponteareas Ernie Producciones, supoñemos que tras a confianza xurdida na súa última visita ao país. En plena escena do indie rock dos 90, concretamente no 96, debutaron e tiveron un hit cuxa repercusión nunca repetirían: “Popular”. Desde entón foron sacando bos álbumes elaborados sen presións e neste sétimo, xa entrados nos 40, resístense a cambiar e completan un bo feixe de cancións no mellor da súa traxectoria. As características son claras: enerxía power pop, querencia polas coidadas harmonías vocais dos 60, esa nube de guitarras espesas e a melodía pop como gancho principal. Os textos reflexionan sobre o paso do tempo, que manter e que abandonar da xuventude, a asunción de responsabilidades, manterse curiosos e atentos ou ter os pes no mundo natural malia a voracidade do progreso. As cancións transmiten inmediatez, ilusión, amor pola vida, sensacións puntuais de euforia, introspección e melancolía con tino: “Looking Through”, “Jules and Jim”, “Waiting for Something” ou o remate con “The Future” e a súa significativa liña “non podo crer que o futuro está a ocorrerme a min”. Como eles mesmos din, “Nunca é demasiado tarde para os soños adolescentes” (“Teenage Dreams”) e a voz de Caws semella ideal para reflectir esa ponte entre a maduración e a vulnerabilidade, ese espíritu herdeiro da adolescencia que vai asumindo responsabilidades cos anos. “The Stars …” é un álbum de moi boa factura, construído á vella usanza e que terá edición en vinilo como xa se apunta no digipack: 5 temas na cara A e 5 na B.
O 17 de febreiro estarán presentándoo na sala Capitol de Compostela acompañados doutros Ernie: Maryland. En Madrid o 18 e en Barcelona o 19.
Pepe Cunha, 30-xaneiro-2012

Facebook

3 hours ago

Ábrete de orellas
aquí temos o videoclip do terceiro adianto de "Roibén", novo disco de Guadi GalegoDirixido por Inés Salvado GontadVersos de Xohana Torres ... See MoreSee Less
Ver en Facebook