Mercedes Peón inaugura mañá martes 11 o II Festival Atlántica de Narración Oral

Marzo 10, 2014

nota:
A cantante e músico Mercedes Peón pronunciará mañá ás 19 horas, no Consello da Cultura Galega, a conferencia de inauguración do II Festival Atlántica de Narración Oral, presentada pola catedrática de Comunicación Audiovisual e académica da lingua Margarita Ledo. Será o punto de partida do festival de narración oral máis importante de Galicia, que este ano conta coa participación de narradores e narradoras da Bretaña, Irlanda, Madeira, Arxentina, Uruguai, Brasil, ademáis de boa parte dos contacontos profesionais do noso país.

Mercedes Peón falará sobre “Xénero e tradición: reflexión sobre a creación de verdades e a adaptación contemporánea dos roles da creación colectiva”. A entrada á conferencia é libre. Pouco despois, ás 22:00 a primeira narradora entrará en escea. Será María da Pontragha, no pub Atlántico, co seu espectáculo Ás voltas cos contos. Será o punto de partida dunha intensa programación cultural que en 2014 reúne 40 eventos para todos os públicos en Compostela, Teo e Vigo ata o 22 de marzo. Conta co patrocinio de GADIS e o apoio e colaboración de numerosas entidades e empresas. Toda a programación e información pode consultarse en www.festivalatlantica.com.

O II Festival Atlántica de Narración Oral é o evento de narración oral máis relevante de Galicia. Está dirixido pola actriz Soledad Felloza. Organizado ao redor do Océano Atlántico como eixo, non só xeográfico, senón tamén cultural, dunha dilatada comunidade de contdores de historias, inclúe unha programación moi diversa. Hai espectáculos para todos os públicos, celebrados en bares, teatros, auditorios e mesmo nas propias rúas, en espectáculos interactivos nos que narradores e público exploran as historias das cidades. Hai obradoiros de narración oral,e mesmo xornadas teóricas de debate ao redor da tradición oral.

Dimensión internacional e galega

Nesta edición 2014, o Festival Atlántica contará coa presenza de numerosos narradores galegos e internacionais. Doutras ribeiras do Océano virán Barry Manley (Irlanda), Nicolas Mezzalira (Bretaña), Clara Haddad (Brasil), Boni Ofogo (Camerún), Claudia Fonseca e Sofía Maul (Portugal) ou Victoria Sliedecki (Arxentina). Pola banda galega, os contadores e contadoras son María da Pontragha, Raquel Queizás, Quico Cadaval, Xosé Luís Bernal “Farruco”, Cándido Pazó, Celso Fernández Sanmartín, Xurxo Souto, Quico Cadaval e Narf.

Reflexión e debate

O Festival tamén incorpora espazos para o debate e a reflexión. Desta volta, celebrarase en Compostela, o 15 de marzo, o primeiro Encontro de Directores de Festivais de Narración Oral, coordinado por Marina Navarro, directora da Rede de Bibliotecas de Madrid, e no que se reunirán programadores de España e Portugal.

O día 20 de marzo, o Consello da Cultura Galega acollerá unha xornada teórica sobre O culto e o popular na tradición oral galega, na que participarán diferentes especialistas no noso imaxinario, como Antonio Balboa, que falará sobre a raíña Lupa, o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro, que tratará as lendas e o especialista en narración Antonio Reigosa, que falará sobre os contos.

Tapas Atlánticas
O Festival combinará os espectáculos coa gastronomía da cidade. Varios establementos colaboradores elaborarán unha tapa atlántica, que os asistentes aos espectáculos do Festival poderán consumir a prezos reducidos. Son os establecementos La casa de la marquesa, o Restaurante Acio, A Curtidoría, Café Altamira, A Tafona, Abastos 2.0, A Bodeguilla de San Roque e Garum Bistró.

AXENDA