María Fumaça “As que máis molan”

Decembro 13, 2017

Que mellor que tirar do seu éxito ”Manola” (“o peixe que máis mola”) para titular o recompilatorio do proxecto María Fumaça ? Pois canda el, dúas cancións novas que abren e pechan este álbum e dez éxitos máis dos seus tres libros-CD: “María Fumaça”, “Xiqui xoque fiú fiú!” e ”Aire”: ”Lúa”, “Fun ao mercado”, “Eu teño alguén”, ”Ruí e as baleas”, ”Bailaches, Carolina?”, “Alegría”, “A horta da Balbina”, “Xa son maior”, “O meu barco”, ”Xique Xoque, Fiú fiú!”.

As dúas novidades son “Nun mar azul” e “Convivindo”, con letras de Raquel e Chus Domínguez e arranxos canda a súa irmá Uxía e o Magín Blanco, voces da primeira. Ambas as dúas composicións son de corte pop-folque e inciden na liña de agarimo e aprezo pola diversidade e positivismo tan características deste proxecto feito en familia e para as familias. En contraste co lado lúdico máis presente nos éxitos seleccionados, uns versos inzados de valores: ”E xuntas descubrir, xuntos celebrar, novos tons de cor fluíndo neste mar” ou ”Derrubando e conquistando novos camiños para transitar”.

Coma é habitual, o son dunha boa panda de artistas do país e un libro que presenta as ilustracións de Pastor e o coidado editorial da colección Sonárbore de Galaxia.

Pepe Cunha, 13-decembro-2017

AXENDA