Luar na Lubre “Vieiras e Vieiros: Historias De Peregrinos”

Agosto 12, 2020

Segundo o fundador da banda Bieito Romero, as pezas deste seu 19º traballo discográfico “visualizan historias de peregrinos chegados a Galicia que, desde Luar Na Lubre, recollimos en diferentes momentos e mediante diferentes vías, tamén por medio do relato de peregrinos modernos.” Nunha edición con libreto de 30 páxinas cheas de textos e fotos, de novo con Warner e desta vez co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo, esta obra pretende pór en valor historias de peregrinos do Camiño de Santiago, máis concretamente ao seu paso por Galiza.

Resulta, por tanto, un agasallo para o público que ten a Luar na Lubre coma referente sonoro do Camiño Xacobeo ou a música tradicional galega, en especial a enraizada coa poesía medieval. Ademais, nesta liña aproveitan a ocasión para acompañaren o material novo dun segundo CD no que recompilan pezas de temática similar e con abondas colaboracións (Diana Navarro, Ismael Serrano, Pablo Milanés, Miro Casabella, a Orquestra Sinfônica de Bratislava ou Carlos Jean). E precisamente o primeiro disco comeza con outra participación, a de Miguel Ríos en “Benvido”, unha canción que nos retrotrae aos tempos do rock celta nos 80-90 e cunha letra na que non faltan tópicos. Tras esta introdución, entre as novas composicións intercálanse sonoridades propias dos sendeiros e lugares que percorre o itinerario xacobeo: pasos sobre as follas e a zahorra, gaivotas con instrumentos soando ao fondo, misa en Muxía, o son da Berenguela …

Nun traballo sonoro inequivocamente de Luar na Lubre apenas atopamos sorpresas, pero cómpre salientar o canto en latín “Dum Pater Familias” do Códice Calixtino, homenaxes como a Don Elías Valiña, quen fora párroco no Cebreiro e recuperador fundamental do Camiño moderno; e inspiración, e inspiración ou versións do encontro en Dumbría entre o bispo armenio Mártiros de Arzendjan e a besta maligna Vákner; a lenda de Dugium, a cidade asolagada; os galegos de Glenshiel , “La Grande Chanson” … todas comentadas no libreto que abre un texto de Antón Pombo.

Pepe Cunha, 12-agosto-2020

AXENDA