Luar na Lubre + convidad@s

Decembro 19, 2017

nota:

Luar na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk do noso país, ofrecerá mañá martes 19 de decembro un concerto especial de Nadal no que contarán con varios convidados como as voces Irene Cerqueiro e Irma Macías, ou a Coral de Ruada, xunto con músicos como Pablo Rosales e Bieito Romero, do grupo Dequenvessendo.

No espectáculo farán un repaso dos temas máis especiais de toda a súa carreira. Con este concerto comeza o peche da súa xira de 30 aniversario, que os levou por toda a Península -España e Portugal- e tamén por México, e nos vindeiros meses iniciarán unha xira europea que os levará por París, Bruxelas, Londres e Glasgow, ademais de varias cidades españolas. Logo publicarán un novo disco dedicado á Ribeira Sacra, coa súa correspondente xira.

Luar Na Lubre está a celebrar a súa longa traxectoria cun dobre CD recopilatorio, con 15 temas cada un. Non é un recopilatorio tradicional, senón que vai máis alá e achega unha colección diferente de temas “escondidos”, de tesouros “non habituais” pero non por iso menos sorprendentes que os seus grandes clásicos.

Luar Na Lubre foi premiada en numerosas ocasións con recoñecementos tanto a nivel galego e local, como a nivel estatal, con nove Premios da Música concedidos pola “Academia de las Artes y de la Música” ou cos dous discos de ouro por dous dos seus traballos ao superar as 50.000 copias vendidas en cada un de eles. O primeiro deses discos (Plenilunio) foi entregado por Mike Oldfield na súa casa de Londres, e alí foi onde o músico británico versionou “O Son Do Ar” retitulándoo como “The song of the sun” e incluíndoo como track número 1 do seu álbum Voyager no ano 1996. Este momento foi transcendental para a historia da banda, xa que abriu a posibilidade de que a súa música fose coñecida por un público máis amplo.

Unha das sorpresas deste CD é unha versión do mítico tema “Fonte do Araño”, composta polo músico e creador galego Emilio Cao, considerado un dos mestres e guía do espírito da música de Luar Na Lubre; con unha visión diferente da orixinal pero que garda as esencias fundamentais da que compoñeu o autor. A colaboración de Ismael Serrano á voz, Nani García nos teclados e a Coral de Ruada nos coros, converten o tema nunha alquimia de sonoridades que non deixará indiferente a ninguén.

Outras novidades dentro deste recopilatorio/celebración de XXX Aniversario son as versións actualizadas de tres temas, xa gravados anteriormente en sendos traballos, como a clásica irlandesa “Morrison’s jig” da que o grupo fixo unha nova versión diferente coa forza de novos arranxos e a brillante colaboración do magnífico acordeonista galego Víctor Iglesias, o “O soldado desgraciado” con arranxos renovados e con nova sonoridade grazas ás posibilidades técnicas actuais, tamén “Dun tempo para sempre”, unha fermosa melodía feita sobre un poema inspirado na cultura celta.

E así, os anos van pasando de proxecto en proxecto, de concerto en concerto, e Luar Na Lubre continúa o seu camiño, facendo historia despaciño e con calma, formando parte da banda sonora de moitas vidas e tendo a capacidade de emocionar e de continuar avanzando en tempos convulsos e difíciles pero abertos á esperanza e a ilusión.

Un disco para celebrar a vida, que gustará aos incondicionais do grupo e que tamén atraerá a atención de aqueles que queiran achegarse a coñecer mellor o universo da música folk e tradicional.

Luar na Lubre son:
Bieito Romero (gaitas, acordeón e zanfona)
Belém Tajes (voz)
Antía Ameixeiras (violín)
Patxi Bermúdez (Bodhran, tambor, djembé)
Pedro Valero (guitarra acústica)
Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos)
Xan Cerqueiro (frautas)

AXENDA

20:30 h.
Teatro Rosalía da Castro, A Coruña.
6,50 / 14 €