Leticia Rey “Lux”

Agosto 16, 2022

Compartir descubrimentos musicais é unha das motivacións tras Ábrete de Orellas e recibir un disco como este sen dúbida acrecenta a nosa ilusión. En 2020 Leticia Rey, só con voz e guitarra, gañou o concurso de Estudios Mans para talentos emerxentes e con el a gravación e edición dun mini álbum. Esas catro cancións, testemuños das súas voz brillante e capacidade compositiva, aparecen agora cando outras oito nun álbum gravado, pero sen intención de editalo, nun concerto !!! Seica a calidade da gravación nas mans de José García resultou unha tarxeta de presentación ideal.

Debutar así, ao vivo, transmite valentía, talento e ilusión, que talvez quedarían incompletos sen o acompañamento de músicos como Iago Mouriño ao teclado, Jorge Quesada ao baixo e Óscar Quintáns á batería. Necesítase valía e traballo porque normalmente non se argalla só nuns meses todo isto, un equipo. “Todos nós somos Leticia Rey” di a artista ao final de “Lejos la ciudad”, unha das dúas cancións en castelán. O resto destas pezas de pop contido e intenso, bañado en jazz ou indie-folk están cantadas en inglés. A autora é licenciada en Filoloxía Inglesa e supoñemos que moi consumidora de música nesa lingua. Porén, a bóla extra é a súa primeira composición en galego, “Baleiro”, onde tira cara ás maneiras dun bolero, como en “Tal vez”.

“Lux” é “unha viaxe sonora a través das luces do día, dende o solpor á noite” cun toque introspectivo e espiritual que pide atención. A min tróuxome á mente propostas como as de Nick Drake e outros nomes do pop folk británico dos primeiros 70, Van Morrison ou os Led Zeppelin (disque banda favorita) máis espirituais e acústicos, Damien Rice, Madeleine Peyroux, Eva Cassidy … Estamos ante unha artista que semella moito máis madura que a súa idade, que nos entrega cancións expresivas, que narran, que non son precisamente curtas nin inmediatas. Aquí non caben as présas, o consumo rápido, a preponderancia da imaxe e o efectismo. Degustemos este concerto e agardemos o que virá; talvez máis diversidade estilística, algunha canción máis directa ou breve que non perdan esta intensidade … A capacidade desta artista ten moito que nos amosar e xa ten cancións tan consistentes como “Once Again” “Sneaky, Delicius” ou “Through the Wind”.

Pepe Cunha, 16-agosto-22

“LuX”, presentado con éxito no ben acaido Garufa Club coruñés, é a primeira referencia do novo selo discográfico da produtora coruñesa 10d10 Discos (outros currantes e entusiastas) e pódese solicitar por correo electrónico a leticiareymusica@gmail.com con envío a domicilio.

repertorio:

June
Once Again
Campus Stellae
Tal vez
Orange Light
Sway
Sneaky, Delicious
Run for My Life
Waining Moon
Lejos la ciudad
Through the Wind

Baleiro (bonus track)

AXENDA