Jacky Molard & Jean Michel Veillon

Febreiro 17, 2014

nota:
A Casa das Crechas ofrece mañá luns 17 un concerto moi especial, con dous referentes clásicos do folc europeo e mundial: Jacky Molard (violín e guitarra) e Jean Michel Veillon (frautas).

Ambos os dous son dúas das figuras máis importantes da música bretona e, desde hai máis de 30 anos, un referente para os músicos folc de todo o mundo. Vellos amigos xa da Casa das Crechas (un tema de Molard leva como título “As Crechas”), volven agora nunha xira por Europa que tamén terá paradas en Euskadi e Asturias.

Esta parella está de xira polo norte da Península, con paradas en Oviedo (11 de febreiro), Lugo (12), Corvera (13), Barakaldo (14), Compostela (17) e de novo Oviedo (18), con senllas masterclass en Xustáns (Pontevedra) o sábado 15 e o domingo 16 en Compostela (aCentral Folque).

Jacky Molard (Saint-Malo, 1961) toca o violín, a guitarra e o baixo. Foi fundador do mítico grupo Gwerz, entre outros, e forma parte dunha coñecida familia de músicos. Os seus irmáns Patrick e Dominique son tamén figuras no seu país.

É tamén compositor e produtor, e creou con Erik Marchand e Bertrand Dupont o selo Innacor, que publica música bretona e world music. Coa súa última formación, Jacky Molard Quartet, participou no último Womex 2013 e publicou tres discos. Leva publicados en diferentes formacións vinte discos, dous deles con Jean Michel Veillon, en 1993 e 1999, con quen agora está de xira.

Jean-Michel Veillon (Frehel, 1959) é un coñecido frautista bretón que estivo nas mellores bandas bretonas, como Kornog, e tamén con outras como The Chieftains. Leva publicados catro discos en solitario, cinco con Kornog e máis de vinte con outras formacións.

Máis información:

AXENDA

21:30 h.
Casa das Crechas, Santiago de Compostela.
6 / 8 €