izal “autoterapia”

Maio 04, 2018

Resulta tentador aproveitar que nos chega o novo disco de Izal para facer disquisicións sobre que é a escena “indie”, quen a fomenta ou discute. Esta etiqueta vai camiño de ser tan ampla como a de “world music” porque engloba propostas diferentes pero consumidas por un mesmo público ou corrente de escoita. Nomes? Vetusta Morla, Sidonie, Love of Lesbian, Supersubmarina, Lori Meyers … algúns deles enchendo grandes recintos ou sendo reclamo para festivais, idea que semella chocar coa de independencia ou o gusto minoritario, supostamente crítico, do “independente”. Tras tres discos e independentemente da consideración que teñamos quen consumimos moitas músicas, Izal consolidou un éxito comercial que xa quixeran moitas.

En abril de 2012 chegaban a Galiza a presentarse en sitios ben pequenos e falamos do seu álbum debut “Magia y efectos especiales”. A finais de 2013 volvían visitarnos, co disco “Agujeros de gusano”, tamén microfinanciado, e fixemos unha entrevista. “Copacabana” -que non chegou xa á nosa redacción- seguiu incrementando o seu público a base de moita estrada e promoción. Pero tamén de insistir nunha fórmula, porque o seu mundo de pop-rock de melodías ben marcadas e que cae con facilidade no épico ou a grandilocuencia está máis que espremido. Aquí volvemos atopar esas cancións con vocación de himnos, con subidas e baixadas acompañadas de retrousos para corear masivamente en grandes recintos, como as directas “El pozo” ou “Ruído blanco”. Hai algo máis festivaleiro que “Somos rachas de viento eléctrico”?.

Tomándoo coma un todo, “Autoterapia” é máis ruído ca noces e non vai mudar a túa opinión sobre Izal. Os cambios non son abondos para non tirarmos de adxectivos coma chan ou repetitivo; aínda que conten co violín de Ara Malikian na canción que abre e titula, que apreciemos algúns detalles electrónicos ou atmosféricos na produción ou proben algunha instrumentación nova neles. As cancións insisten na liña xa coñecida, sobre todo nunhas letras entre pretenciosas e vacuas que sempre pesan e condicionan. Iso si, quen se moleste en deixar a un lado prexuízos e forofismos atopará os seus momentos. Servidor, o medio tempo ”El temblor” e a lentitude de “Pausa”, das máis pop “Bill Murray” e “La increíble historia del hombre que podía volar pero no sabía cómo” ou os arumes a folclore en “Santa Paz”. E un deseño ben logrado de HolyFire Studio.

Pepe Cunha, 4-maio-2018

AXENDA

Facebook