nota:
Desconcierto Cultural celebra o seu terceiro ano de existencia o vindeiro venres 4 de abril cunha festa por todo o alto na que estarán presentes a cálida psicodelia de Alberto Montero, a avasaladora expresividade de One of These Days & Thee Heavy Random Tone Colour Lab e o descaro ilustrado de Siesta!. A Casa das Crechas e o Cachán Clube, dous dos espazos senlleiros e con máis actividade de Santiago de Compostela, acollerán estes concertos.
Desconcierto Cultural é unha asociación sen ánimo de lucro que persegue dinamizar a escena musical galega cunha programación continua ao longo de todo o ano con eventos e ciclos como a Romaría Pop, TerraZeando, Placeres Ocultos ou o próximo Primos Hermanos. A prioridade da Asociación é proporcionar unha ventá de expresión ao aluvión de propostas artísticas que hoxe en día se cocen alén das canles convencionais e para as que Desconcierto Cultural, cos seus tres anos de traxectoria e máis de 120 socios, traballa arreo tratando de captar novas audiencias e de abrir novos espazos para o seu desfrute.
Tras programar nestes tres anos case un centenar de bandas, Desconcierto Cultural volve á carga cun programa triplo para unha noite de abril na que o equilibrio entre o risco e a calidade das propostas presentadas volve ser unha máxima na súa actividade, que se desenvolverá da seguinte maneira:
20.30 | A Casa das Crechas: Alberto Montero
23.00 | Cachán Clube: One of These Days & Thee Heavy Random Tone Colour Lab
00.30 | Cachán Clube: Siesta!
O prezo por anticipado do abono para os tres concertos será de 10€ e poderase mercar en A Tenda Reixa ou en Ticketea. Tamén se poderán mercar de forma anticipada entradas soltas que darán acceso a cada unha das salas por 6€ (9€ en taquilla).
Alberto Montero (Casa Das Crechas | 20:00h)
A California psicodélica de Love ou dos Byrds torna mediterránea na voz e nas composicións de Alberto Montero. Xa dende os seus tempos en Shake e da sabia man dun visionario como Juan Pedro de Greyhead Records, o talento deste artista de Sagunto, inda que na actualidade residente en Barcelona, flúe a cachón en todas e cada unha das cancións que forman parte da súa dilatada carreira.
O escenario da Casa das Crechas proporciona a sobriedade e intimidade necesarias para poder gozar dunha máxica visión, a do valenciano, nun ambiente ideal, plácido, silencioso, case místico. Perfección ao cadrado, un lugar idóneo onde poder saborear unha actuación deste calibre.
O seu último disco gravado, Puerto Príncipe (BCore, 2013), é unha volta máis á rosca do mundo do músico valenciano, voces aveludadas que nos arrolan, violíns en perfecta harmonía, ritmos imprevisibles que nos abalan… E todo, absolutamente todo, está aí ao servizo das cancións. Cancións que nos deleitan e nos transportan a base das lembranzas perdidas de “Olvidado Rey Monkiki” ou do costumismo de “Noche de Verano”, que nos confunden e nos perden, como na instrumental que lle dá título ao disco, ou que nos fan soñar estrañamente, como en “Manada de árboles”.
A súa traxectoria está en ascenso; sen dúbida é un cabalo gañador inda que el non o saiba. Tras tres primeiros discos que non fan senón recrutar máis e máis adeptos e logo de romper a lámpada dos segredos mellor gardados da música española, a obra deste saguntino de prol leva camiño de se converter en imperecedoira, mercede ao seu clasicismo, pero á vez rompedora, fiel aos seus lazos coa vangarda. En Compostela estará acompañado pola súa banda habitual con Román Gil, Xavi Muñoz e Marcos Junquera. Todo un auténtico luxo que fai desta unha ocasión única.
One Of These Days & Thee Heavy Random Tone Colour Lab (Cachán Clube | 23:00h)
Iluminado pola Torre de Hércules forxouse un dos traballos máis audaces e atinados de entre os publicados en Galicia no pasado 2013. O grupo de impronunciable nome conseguiu recuperar o rock progresivo con toques psicodélicos que tantas boas obras deixou no pasado para crear A Peaceful
Nacht In Hell (in four movements), unha obra vibrante e cunha solidez pouco habitual nun debut discográfico.
Esta solidez e bo facer que destila o disco non é de todo fortuíta, xa que os seus catro creadores son nomes ben coñecidos da escena galega e contan na súa cartilla cos selos de WolRuS, Elephant Band, Lüger, Steelwood ou Mega Purple Sex Toy Kit —aí é nada!—, entre outras moitas aventuras musicais. Así, estes guerreiros do rock conseguiron rexistrar un álbum con catro cancións, ou movementos, que forman parte dunha obra completa na que o lume dos teclados Hammond e Vox se cruza cos lategazos das eléctricas e todo iso sobre un baixo-batería que impulsa as cancións sempre un paso máis aló, coma se dunha locomotora desbocada se tratase, mentres o apocalíptico son do bombardino nos advirte da inminencia da fin dos tempos.
No disco podemos atopar moitas referencias, dende os Pink Floyd aos que fai referencia o nome da banda aos primeiros King Crimson, ou mesmo, segundo eles mesmos, o space rock de Hawkwind, pero sempre mantendo unha voz de seu nunha obra maior, audaz, complexa na súa composición e execución, mais moi agradecida ante unha escoita atenta e que depara múltiples pasaxes para o desfrute.