Guadi Galego e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Pontevedra, 4-xullo-2020

Xullo 05, 2020

O Concello De Pontevedra tiña programados neste 2020 cadanseu concerto de Xabier Díaz e Guadi Galego en diferentes ciclos: as Matinés do Principal e Voices. Nun claro apoio á cultura do país mantivo estas contratacións e apostou por unilas nunha cita especial. Ademais, nas circunstancias actuais, xuntar varios centos de persoas supuña un esforzo de produción que cumpriu cos protocolos e indicacións sanitarias con máis rigor que noutras actividades onde coinciden centos de persoas.

Se xa tiñan ganas os músicos de tocar ao vivo, sumaron aínda máis ao esgotaren as entradas o día anterior. Reencontrábanse co público e o sentido da súa profesión, polo que deron o mellor de si malia os nervios, o distanciamento físico e a rixidez das cadeiras. Guadi retomaba a exitosa xira de “Immersion” e Xabier por fin “sacaba o celofán” á de “As catedrais silenciadas”. Ao tempo, ademais de cadanseu concerto impecábel, agasallaron cun par de colaboracións que fan aínda máis especial a cita.

Son momentos de compromiso coa cultura, e aínda máis coa do país. Aquí quedou unha primeira pedra posta con firmeza cara a recuperarmos concertos de tamaño medio nesta situación dura. Que non falten estas doses de dignidade, calidade e agarimo.

AXENDA