Cando unha lenda vén de xira hai quen temos o costume de botar unha escoita ao máis recente para saber en que forma se atopa, se é dos que aproveitan a inercia propia e a nostalxia de boa parte do público para facer un grandes éxitos … Aos seus 77 anos regresaba a Galiza un dos nomes imprescindíbeis da música saída do Brasil e non o fixo precisamente arrastrándose e para cumprir co expediente. Tras superar problemas de saúde importantes hai uns anos, Gilberto Gil publicou no 2018 un disco novo que pensou que merecía xira e o concerto vigués deulle toda a razón. Ademais, sempre conta co aval de ser un dos artistas con máis álbums ao vivo, algo que volveu confirmar.
Abriuse o pano do auditorio e no palco xa tiñamos soando unha suntuosa banda que interpretaba a canción que dá nome ao novo disco “OK OK OK” e, sen pausa, outras dúas: “Quatro pedaçinhos” e “Sereno”. Non sei se as dúbidas inicias co son se foron corrixindo ou a riqueza e a elegancia instrumentais da banda fixéronnos esquecelas. O caso é que Gil xa nos tiña atrapados cando se dirixiu ao público para presentar eses temas novos e falar da súa temática de afecto, amizade, familia … e, concretamente nesas primeiras cancións, destes tempos que vivimos tan sometidos ás redes sociais e moito odio nas opinións, a súa enfermidade e a doutora que o atendeu e a chegada dun novo neto. Ademais, a quen querían repertorio “recoñecíbel” e pedían algún tema coñecido (confiemos e respectemos o que queira tocar @ artista, por favor!) calmounos cun “habrá canciones viejas también”. Por certo, a todo un ex-ministro de cultura do Brasil ninguén lle di que preferimos que en Galiza nos fale en portugués, aínda que sexa un chisco máis amodo, que castelán?
“Lugar comum” foi a primeira desas cancións vellas que tan ben soaron recreadas por unha banda de oito músicos estupendos que incluía tres dos seus fillos nela: Nara nos coros, sorrisos e baile, Bem na guitarra e José na batería e percusións. Non son tempos nos que os artistas se permitan xirar cun formato tan rico, con dous percusionistas, piano, un par de ventos … así que todo ía sumando para que o concerto superase o notábel. Con naturalidade, todos daban mostras da súa calidade collendo protagonismo en momentos puntuais. Ademais Gil, correcto na voz, aínda sentado e coa acústica, como se estivese controlando esforzos ou dosificándose, seguía a presentar máis novas: “Lia e Deia” e “Yamandu”. Nesta, Gil fixo esquecer cos seus dedos o grande guitarrista a quen vai adicada e que colabora no disco: Yamandu Costa. Mais os concertos tamén se lembran por outros detalles que as cancións ben interpretadas e para gardarmos quedarían os minutos emotivos en que, só perante nós, lembrou o referente Joao Gilberto, recentemente finado. Adicoulle “Se eu quiser falar com Deus” coincidindo co momento de maior febleza na súa voz. Emocionante.
Entón volveu a banda, púxose en pé, colleu a eléctrica e regalounos un dos momentos máis brillantes e luminosos do novo álbum (“Na real”) enlazado coas vellas “Seu olhar”e “Tocarte”. Presentado cada membro da banda, non deixaba de repasar ese eclecticismo musical seu que viaxa polo samba, o funky, o jazz, o pop, o rock … e así chegaron dúas baladas: “Drao” de 1982 e “Afogamento”, que comparte coa vocalista moza Roberta Sa, que o acompaña nesta xira. Aproveitan para que ela luza voz e presenza con “Giro”, a peza que abre o seu disco. E como non podía faltar o reggae, recupera “Goodbye My Girl” do “Nigthingale” de 1979. Iso si, cantada pola súa bisneta que tamén está no autobús da xira. Non se pode dicir que non estea ben arroupado musical e emocinalmente, aínda que este momento anecdótico da cativa cantando unha canción enteira se me antolla prescindíbel.
Cada guitarra eléctrica podía ser unha batería que mantiña as súas enerxías, pois Gil seguía en pé, con vitalidade e soltura, coma se tivese vinte anos menos (non digo trinta porque sempre se coidou fisicamente). Na traca final reivindicou o afrobrasileiro coa “Ilê ayê” do mítico “Refavela” (1977), a “Nossa gente (avisa-lá)” do “Tropicalia II” (1993) e “Marginalia II” do seu ábum homónimo de 1968. Tras visitar estes tres discos recomendábeis da súa traxectoria, volve ao máis recente con “Ouço” e remata en todo o alto con “Maracatu atómico”. Gil é dos que saben manexar ben o repertorio ao tempo que goza de e con os seus músicos. Volvendo para os bises, coas marabillosas “Andar con fé” e “Toda menina bahiana”, comeza falando dos galegos nos Brasil e que precisamente no bar dun deles, Manolo, usou o teléfono para chamar á radio e preguntar de quen era aquela “Chega de saudade” cuxa escoita acababa de impactalo. Pasaron sesenta e un anos dese momento e aquel adolescente tamén é agora un mestre que deu outra lección en Vigo.
Pepe Cunha, 18-xullo-2019
Repertorio:
OK OK OK
Quatro pedacinhos
Sereno
Lugar comum
Lie e Deia
Yamandu
Se eu quiser falar com Deus
Na real
Seu olhar
Tocarte
Drao
Afogamento
Giro
Goodbye My Girl
Ilê ayê
Nossa gente (avisa-lá)
Marginalia II
Ouço
Maracatu atómico
—-
Andar com fé
Toda menina bahiana