Feito a Man: Aló Django, García MC, Som do Galpóm e Brinkadelia

Agosto 10, 2017

nota:

13.30. ALÓ DJANGO TRÍO (gypsy jazz, swing) – Rúa do Vilar
Aló Django Trío é un proxecto galego que busca a inspiración no jazz e na música dos xitanos “manouche” centroeuropeos: o chamado gypsy swing, un estilo, lírico, alegre e acústico cuxo máximo representante é o mítico guitarrista Django Reinhardt.

Ademais Aló Django é un show divertido máis alá do estrictamente musical, coa presenza do claqué e a interactuación cómica co público, enfiando así música con xéneros escénicos de entretemento como o cabaré ou o music-hall, de onde veñen parte do seus integrantes.

En Aló Django teñen como obxectivo fundamental difundir a música manouche, a través dun concerto con moito swing e humor. Se pensas que o o jazz é aburrido, é que aínda non escoitaches a Aló Django.

Aló Django nace no ano 2007 pola vontade de Ramón Orencio e Xabier Mera, guitarras e voces, de ofrecer un concerto divertido co swing como banda sonora.

20.00. GARCÍA MC & NACIÓN QUILOMBO BAND (hiphop) – Praza dos Gatos
É un referente do rap en Galicia que o levou a mergullarse nunha iniciativa que comeza no Womex 2016 en Santiago de Compostela: A Nación Quilombo. Está a lanzar sinxelos con videoclip dende comezos de 2017. Ten alma de comunicador, de divulgador e de embaixador cultural ademais de ser educador independente impartindo obradoiros e conferencias de cultura Hip Hop dende fai máis dunha década.

Ten a súa pegada en ducias de discos de grupos eclécticos da música galega contemporánea. Musicou poemas de Celso Emilio Ferreiro en clave rapeira e formou parte de Dios Ke Te Crew e a Banda Fura Fura (Homenaxe ao Zeca Afonso).

Levou o seu Rap en Galego a lugares como Dinamarca, Guiné–Bissau ou Portugal. Entende a música como unha ferramenta máis de intervención social e ponte entre culturas.

22.00. SOM DO GALPOM (hiphop, reggae, funk) + BRINKADELIA (ska, reggae, mestizaxe) – Praza de San Martiño Pinario
Som do Galpom é un grupo orixinal e heteroxéneo que mestura diferentes estilos musicais; a súa particular aposta vai dende o funk ata reggae pasando polo rap! Rap orgánico lle chaman… Veñen dende A Moninha, unha aldea perto de Compostela, e levan uns cantos anos percorrendo Galiza e a Península amosando o seu directo!

A súa discografía está composta por dous traballos de estudo: ‘Em terra de ninguen’ e ‘A Galinha de Troia’. Na actualidade voltan aos palcos despois dunha breve paréntese e con máis enerxía ca nunca.

Dunha estirpe de músicos das terras bravas da Límia, chega o señor Brinkas presentando este proxecto, BRINKADELIA. Despois dunha traxectoria de vinte anosrepartindo boa música polo mundo adiante, toca recoller esas experiencia se transmitilas neste novo formato que recopila os ritmos e sonoridades que foron marcando o seu percorrido musical.

Un dos fundadores dos Festicultores, dos que estivo á fronte durante case dez anos, ten no seu haber colaboracións con artistas da talla de Manu Chao, un dos grandes pioneiros da worldmusic, o músico portugués Daniel Lança ou o director de cine e músico Emir Kusturica, que o convidou a unirse nalgúns dos seus concertos da súa xira europea.

AXENDA

Cidade Vella, Santiago de Compostela.
De balde.