Entre Trastes “Umami”

Febreiro 21, 2020

Titular un disco coa voz que designa o quinto sabor é unha invitación clara a sentar a degustar. Apostan por ese gusto de “agrado e sensación aterciopelada” trasladado ao sentido do oído a través dun cuarteto acústico de cordas pulsadas. Álvaro Iglesias (contrabaixo), Xosé Liz (bouzuki, mandolina), Daniel Vilar (guitarra acústica e española) e Hugo Franco (guitarra acústica) conforman un proxecto que comezou hai máis dunha década cun debut homónimo orixinal e novidoso no noso panorama musical.

Este álbum que debería consolidalo gravouse ao vivo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña durante a gala de entrega dos Premios Opinión da Música Galega 2019. Agora, tras a axuda financieira dun proxecto exitoso de micromecenado, temos a edición física dun disco que combina ritmos e harmonías de música claramente galega con aires doutros países celtas coma Bretaña, Escocia, Irlanda e tamén froitos do seu paso a Norteamérica como o bluegrass. Mais tamén México está presente grazas á súa revisión de “Jesusita en Chihuahuá”. Por unha parte, ofrecen unha metade de composicións propias (cadansúa peza de Vilar e Liz, e dous pares de Iglesias e Franco) e outra de varios tradicionais recreados soltos ou en medley.

Se che gusta o folk melódico, aquí tes unha proposta estimulante e luminosa argallada por músicos xa recoñecidos e o talento máis novo de Hugo Franco. E polo que transmite esta gravación, os seus directos pintan realmente ben.

Pepe Cunha, 21-febreiro-2020

AXENDA

Facebook