eladio y los seres queridos “están ustedes unidos”

Maio 13, 2011

Hai catro anos, esta formación -antes Elodio en troques de Eladio- debutaba con “Esto que Tienes Delante” (Grabaciones en el Mar, 2007) e semellaba tempo abondo para unha continuación, pero Eladio non para de traballar noutros proxectos e non é dos que se apresuran a editar as cancións de calquera forma. Mais ben todo o contrario, pois a produción soa coidadísima, milimétrica. O líder da banda posiciónase contra ese indie que fai un hype dunha proposta máis cutre e baleira que orixinal. Ten ben claro que o que perdura son as cancións de boa factura, por riba de modas, tendencias, présas ou poses. Así, toca distintos palos do espectro do pop (con predominio do mellor dos 80) atendendo sempre a que cada canción teña personalidade propia e funcione no musical e no lírico. As bases electrónicas son máis protagonistas en “Pedimos perdón”, “Millón de millones” e en “Con el corazón en la mano” amosa un toque entre épico e siniestro, como no single “La cruz”, onde lembra a Kiko Veneno: “soy un suicida enamorado de la vida, aunque a veces duela”. Polo contrario, as cordas de “Miss Europa”, “Viviendo con miedo” (bo exemplo dunhas letras feitas desde a reflexión persoal e a confesión) ou “Están ustedes unidos” apostan máis por un toque máis acústico, folk, mesmo cun son de gaita que lembra a bandas británicas dos 80-90 tipo The Silencers. Máis no extremo, “‘Las madres están cansadas” case un arrolo cos seus susurros e un son espido como nunca no álbum. Excusades de atopar aquí algo rachador ou novo, mais si un disco de pop ben salientable sobre a media en canto a calidade e cancións, un deses que nun país normal ou de gusto medio debería vender ou ser popular. Porén, tamén hai lugar para as suspicacias de oportunismo porque a única peza en galego é versión dunha peza que xa aparecía no seu debut e ademais vemos que a Xunta, Galician Tunes ou o AGADIC colaboran ou patrocinan esta edición. Prexuízos á parte, e como din no Felipop, “o importante é a melodía” e aquí hainas tan boas como, ademais das mencionadas, as de “Viviendo sin miedo”, “Toneladas de la nada”, “El tiempo futuro” ou a tecno-pop “Pedimos perdón”. Editan Esmerarte e Altafonte.
13-maio-2011

AXENDA