nota:
O pasado 19 de marzo saía á venda o primeiro disco en solitario de Eduardo Coma, o violinista cubano que leva vinte anos asentado na Coruña e que foi membro durante moitos anos de Luar na Lubre. E presentaráo na súa cidade de adopción este venres 25 de maio no Teatro Rosalía.
‘Violingrafía’ (CudBeMusic, 2018) é, segundo o seu autor, unha “biografía musical” da súa traxectoria ata o momento. “Desde que no ano 1967 cheguei ao mundo e asomei os meus ouvidos en Camagüey, sentín que nacera nunha terra onde a música ía ser imprescindible”, explica o violinista cubano.
Neste seu primeiro traballo en solitario Coma acompáñase de grandes músicos cubanos e galegos como Pepe Rivero, Dany Noel, Noelio Rey, Tony González, Miguel Cabana, Sergio Delgado, Raymond Arteaga e Gabriel Tanasescu, ademais dun dos grandes do jazz latino mundial, o clarinetista e saxofonista cubano Paquito D’Rivera, con quen Coma xa colaborara en distintas ocasións.
‘Violingrafía’ é unha metáfora dunha traxectoria vital e a súa conseguinte peripecia musical que despegou na súa Cuba natal grazas á súa formación clásica, creceu en Granada primeiro e en Galicia despois, nutrindo o seu xenuíno son caribeño de matices amencos e celtas.
Eduardo Coma
Violinista cubano afincado en Galicia desde hai vinte anos. Integrante do Quinteto Cimarrón, unha banda de jazz formada por músicos cubano-galegos, foi desde 1998 integrante dunha banda clásica do folk galego, Luar na Lubre.
Comeza a estudar música aos sete anos na súa Camagüey natal, onde destacou xa desde neno obtendo varios premios de importancia. En 1994 viaxa a España coa Sinfónica Nacional de Cuba e remata asentándose e colaborando coa Orquestra Ciudad de Granada.
Vive en Galicia desde 1996, onde ten traballado en conservatorios e escolas de música. Desde o ano 1998 é violinista de Luar na Lubre, con quen gravou seis discos para a multinacional Warner.
Ten tocado en auditorios como o Lincoln Center de Nova York, Teatro Solís de Montevideo, Teatro Colón Buenos Aires, etc. Actual violinista do Quinteto Cimarrón, con quen tocou nas principais salas de Galicia, actualmente é profesor do Conservatorio de Grado Medio de Carballo. Gravou a finais de 2011 o DVD en directo “Una Noche en el teatro Real” co cantante David Bisbal en Madrid e en 2012 “Aires Tropicales”, con Paquito D´Rivera, figura icónica do latin jazz.
Entradas: