dummie “un jardinero en la antártida”

Agosto 11, 2014

Unha formación fresca que chega desde Madrid cun álbum debut que ten moito que ver con Galiza, pois foi argallado nunha das nosas salas máis especiais. El Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) acolleu unhas sesións de gravación a cargo duns músicos novos pero xa experimentados ou máis recoñecibles. Polo menos, dous deles: Alejandro Serrano, vocalista e trompetista da banda No Reply, e Goiko Martínez, baterista de Mojo Project. Oscar Fernández (contrabaixo) e David Schulthess (teclados) completan este cuarteto de nome pouco convincente para unha proposta expresada en castelán. Se xa chama a atención esa alborada do disco, non o fai menos a súa proposta musical, aínda que só sexa por pouco frecuente e pola calidade da execución.

Confeccionan un pop de autor enchoupado en jazz e algúns outros detalles de músicas “negras”. En Dummie non hai guitarra eléctrica e o protagonismo recae na conxunción de teclado (piano, rhodes e hammond), ventos, voz e unha base rítmica exquisita. Unha vez testado ao vivo, podo dar fé da veracidade do que ofrece este disco: ese son que agora chaman orgánico (por nada artificioso ao abusivo no emprego das posibilidades tecnolóxicas) e uns músicos con calidade interpretativa que non deslocen as cancións por querer lucirse. Iso si, as cancións teñen personalidade e non deixan de regalar matices aquí e aló. Porén, e dada a densidade dalgunhas letras, só boto en falla un chisco máis de diversidade estilística ou máis mostras de forza ou contundencia na case unha hora que completan estes 13 temas.

Entre eles, salientaría “No sale a cuenta”, “Bueu”, “Nadie tiene culpa de nada”, “Enero”, “Shock Postraumático” … pero coas escoitas estas primeiras mencións irían variando. Sen dúbida, recomendo facer un oco para escoitalos con calma e apreciar o seu bo gusto, tanto nesta gravación como en concerto. Se aínda así queredes referencias previas, eles mesmos mencionan Jamie Cullum, Jorge Drexler, John Mayer, Antonio Vega, Esperanza Spalding, José James …

Pepe Cunha, 11-agosto-2014