doctor divago “las canciones del año que viene”

Abril 20, 2008

Difícil tarefa resumir a densidade deste álbum nunhas poucas liñas. Ou máis que difícil, inxusta, pois merecería unha análise canción a canción. Estas 13 novas volven reflectir as abundantes referencias duns auténticos melómanos, referíndome non só ao musical, senón tamén ao lírico, dado o especial énfase que Manolo Bertrán pon nos textos, procurándose un lugar preto dos Antonio Vega, José Ignacio Lapido ou mesmo Quique González, por que non?. Con case 20 anos de traxectoria, acadan nos últimos álbumes, xa con formación máis estable e consolidada, un nivel compositivo que raia a gran altura. Nas súas cancións recrean as agridoces consecuencias das batallas coa esperanza das raiolas de sol e a coraxe dos que seguen a levantarse. Aprenderon, compartiron, loitaron, foron constantes mentres compañeiros caían víctimas das modas ou as tendencias musicais imperantes (“es difícil porque la radio escupe voces vacías,/ música de zapatería”, dicen en “Horas y horas”). Eles son corredores de fondo, deses que só saben ser eles mesmos e hai tempo que merecen recoñecemento máis aló do seu Levante natal. Son moitos os detalles a degustar neste oitavo álbum: cancións coa enerxía desbordada (“Frunciendo el ceño” ou “¿Cuándo perdimos el rumbo?”), contida (“El animal protector”), imaxe boxística (“El viejo campeón”), coidados medios tempos (“Mirar por dentro” ou o single “La habitación de Charo”, as lembranzas de compañeiros de colexio (“Ezequiel”), a armónica e o deseño de Chumi, unha banda ben engraxada … En definitiva, cancións que ir saboreando e que defenderán sobre as táboas do Felipop, onde repetirán por méritos propios e cun magnífico álbum baixo o brazo.

Pepe Cunha, 20-abril-2008

AXENDA