Dios Ke Te Crew “O ciclo da serpe”

Xuño 18, 2019

A aparición dun álbum do colectivo Dios Ke Te Crew volveu tardar varios anos. “Xénese”, primeiro álbum de hip hop en galego, saiu en 2006, tres anos despois de se crear o proxecto a partir de formacións da escena rapeira de Ordes coma 5 Talegos e Ghamberros. A boa aceptación e a autoesixencia fainos agardar até 2011 pola continuación “Humanose”. Dous anos despois e con só dous discos celebraron a “Xira dos 10” anos que levaban subidos a un palco e presentaron un par de temas novos: “Dez” e “Heroes”. Desde entón agardabamos por novo material mentres eles seguían a crear e colaborar en proxectos multidisciplinares coma DesOrdes Creativas ou Rexenera Fest, e tamén musicais, onde salientamos o disco de Sokram “Chuvia ácida” (2014) e a actividade dun García MC que rematou por saír do colectivo; polo menos nesta etapa. Porén, a espera volveu a pagar a pena porque este “O ciclo da serpe” probablemente sexa o seu mellor disco, o álbum mellor acabado do agora cuarteto.

DJ Murdock, Sokram, Mou and Jamas manteñen os sinais de identidade que fixeron de DKTC o referente dun hip hop que convence tamén a quen non escoite moito neste estilo. Unha proposta aberta no musical, con bases que tiran de estilos diversos (jazz, rock, reggae, hardcore, funk, electrónica …) e unha fervenza de rimas retranqueiras para falaren de cousas preocupantes ou revitalizantes da realidade cultural, social e política. Seguen á marxe dese rap que se mira o embigo e reivindican a vertente de transformación social, de activismo, dunha concienciación clara perante o capitalismo salvaxe que induce a non deixar de crecer e consumir até convertir o planeta nunha “Montaña de lixo”. Se as mensaxes chegan e afiánzanse mellor cando se evita o panfletarismo, DKTC demóstrano con textos traballados desde a intelixencia e lucidez. Abren significativamente con “Silencio”, sobre a lei mordaza e estes tempos de suposta corrección, censura e linguaxe manipulada, e pechan coa apocalíptica “Melancolía”, inspirada no filme de Lars Von Trier. Falan do seu entorno próximo e a lóxica relación de amor e odio: Ordes é a protagonista de “15680”; do auxe da estrema dereita en “Plvs Ultra”; da xestión dos residuos; da incongruencia ou a hipocrisía vencellada á industria da guerra e a inmigración … Non obstante, compensan o carácter serio destes problemas con doses de bo humor e ganas de festa en “Cacharela”, sobre a noite de San Xoán, “A cachimba” (coa colaboración do Hermano L. de La Puta Opepé), a volta ao campo e a autoxestión en “Reinicio” ou as maneiras da Guardia Civil, de novo cuns cortes falados co cabo Ameneiro (voz de Miguel de Lira) e o agente Gutiérrez (Felipe González). Ademais destas colaboracións, contan con Croma no instrumental “Trance”, os Alto Asalto en “7 pecados” e os ventos de Manu Payn, Martiño D. Mato e Serxio García, as guitarras de Santino, os pianos de Inés Mirás, os teclados de Javier Pardiñas …

Gravado no seu estudio Rapapoulo e coa masterización de Cem Oral en Berlín, “O ciclo da serpe” é unha recompilación de mensaxes de conciencia, sátira, compromiso e denuncia ben presentadas na forma de cancións cheas de creatividade. Ao igual que o deseño físico, tamén coidado e complexo. Neste vemos, coas ilustracións de Lidia Cao e a dirección artística do propio Sokram, un uróboro ou serpe que se morde a cola para referirse a un ciclo eterno e un mundo que se devora a si mesmo. Por certo, a serpe cobra vida cunha animación de A. L. Crego a través dunha aplicación de móbil. Dios Ke Te Crew son mostra da mellor vella escola que non deixa de vivir e mollarse no seu tempo e lugar.

Pepe Cunha. 19-xuño-2019

AXENDA

Facebook

55 minutes ago

Ábrete de orellas
⏰ 𝗛𝗼𝗿𝗮𝗿𝗶𝗼𝘀 𝗥𝗲𝘃𝗲𝗻𝗶𝗱𝗮𝘀 𝟮𝟬𝟮𝟰 ! 🎶📆 Estabades ansiosos por eles e aquí os tedes 👈📝 Estes serán os horarios dos concertos do #Revenidas2024 👈🔴 Tanxugueiras ⚫ Dubioza Kolektiv 🔵 La Pegatina🔴 Fillas de Cassandra⚫ Narco 🔵 Talco 🔴 Balkan Paradise Orchestra⚫ Lontreira🔵 Loita Amada🔴 Serial Killerz⚫ ETS (En Tol Sarmiento)🔵 El Kanka🔴 Lendakaris Muertos ⚫ Guadi Galego🔵 The Rapants ⚫ Mafalda - ÚLTIMO CONCERTO EN GALICIA🔵 La Fúmiga🔴 Lágrimas de Sangre - ÚNICO CONCERTO EN GALICIA ⚫ Caamaño & Ameixeiras🔵 Los Niños Jesús 🔴 Vértebras⚫ The Tytes 🔵 Miss Bolivia🔴 Muchachito Bombo Infierno⚫ Xavi Sarriá - ÚLTIMO CONCERTO EN GALICIA🔵 Trashtucada🔴 Rebeliom do Inframundo - CONCERTO ESPECIAL⚫ Dakidarría 🔵 De Ninghures - CONCERTO VIBRA MAHOU🔴 Catuxa Salom - CONCERTO VIBRA MAHOU⚫ Uxía Lambona e a Banda Molona 🔵 García MC 🔴 Muyayo Rif⚫ La Duendeneta 🔵 La Yaya Dj 🔴 Mekanka Rolling Band🎟️ Merca xa o teu abono ou a túa entrada de día, antes de que muden de prezo o próximo martes día 3 de setembro, en www.revenidas.com 👈🐟 #Revenidas 2024 do 12 ao 15 de setembro en Vilaxoán 🎶#Revenidas #Vilaxoán #DeputaciónDePontevedra #XuntaDeGalicia #RíasBaixasFest #Galicia #RíasBaixas #Xacobeo #OFestivalDasLinguas #VibraMahou #PacoLola #Sonen Concello Vilagarcía de Arousa Deputación Pontevedra Turismo Rías Baixas Cultura de Galicia Xunta de Galicia Turismo de Galicia Camino Xacobeo Vibra Mahou Deleite Gadis PACO & LOLA Alma Atlántica Arehucas ... See MoreSee Less
Ver en Facebook