Diego Guerrero “Vamos caminando”

Outubro 10, 2017

Este onubense é arranxista, cantante, produtor, guitarrista e, en conxunto, axitador musical. Vén do flamenco e, sen perder esa raíz, é quen de facer que se atope e fusione con outros estilos. A estas alturas da película non é unha novidade o da mestizaxe e os intentos xa se contan por centos, tamén neste mundo do flamenco-latin-jazz. Porén, non sempre se amosa ese compendio de visión, pericia, instinto, coñecemento, clarividencia, elegancia… para que a mestura funcione. No caso de Guerrero hai un traballo de anos e, tras a escoita deste álbum, atraveríame a salientar a súa dirección da Big Band Flamenca de Rubem Dantas.

No colorido musical de “Vengo caminando” conviven en melodía e harmonía o jazz, rumba afrocubana, timba, salsa moderna, tradición flamenca (palmas, guitarra, cante xitano), groove-funk brasileiro, arranxos de ventos e voces, salsa moderna … Todo desde unha concepción valente e independente dun Guerrero que pasou de ofertas discográficas e optou por unha autoedición que non significa precariedade. Polo contrario, apreciamos unha produción brillante. E para esta misión ambiciosa non está só, pois conta con especialistas de cada xénero musical que aborda. “Estoy muy contento con los resultados y han colaborado artistas a los que admiro mucho, como Diego El Cigala, Guadiana, Juan Antonio Salazar, Carles Benavent, Josemi Carmona, Rycardo Moreno, Caramelo de Cuba, José Fernández “Petete”, Dan Ben Lior o Sabú Porrina, junto a los músicos que me han acompañado en el Solar de Artistas en los últimos años: Nasrine Rahmani, Manu Masaedo, Jesús Bachiller “Bachi”, Felix Estévez, Bandolero, Kiki Ferrer, Dany Noel, Petaca o Naike Ponce entre otros muchos.”

Aparte da liberdade creativa no musical, a súa independencia permítelle tamén comprometerse nos textos e non ofrecer “canciones vacías de mensaje.” Fragmentos falados de Mercedes Sosa e José Mujica son toda unha declaración de principios de compromiso, personal e social: “Camino de piedras”,”Malos tiempos”, “La canción que yo quería hacer”, “Vengo caminando”, “Vamos lento porque vamos lejos”. Pero o amor tamén ten o seu lugar: “Luna de plata”e “Primavera”. Un álbum auténtico, no que cada canción é un mundo luxoso que transmite amizade, paixón e entrega sen corsés de ningún tipo e que resulta recomendable para todos os ouvidos. Abertos e pacientes, claro.

Pepe Cunha, 10-outubro-2017

AXENDA