Cuarteto Caramuxo “Reviravoltas”

Febreiro 26, 2022

A fórmula apuntada nos seus dous discos anteriores volve medrar en atrevemento e lucidez. Estes seis instrumentistas -catro clarinetistas, un acordeonista e unha percusionista- veñen do conservatorio pero rachan coas supostas etiquetas de rixidez, delicadeza, elegancia, corrección … E fano cun sentido do humor pouco frecuente nestas propostas, nunha actitude de desmitificar e derrubaren fronteiras. Non fan jazz, nin tradi nin clásica pero son quen de agradar a seguidores, ou non, desas referencias. A actitude é a clave.

Ao igual que en “Tituliru”(2009) e “Arrieiros somos” (2015), seguen a reivindicar e xogar co legado da música popular galega no Cancioneiro de Casto Sampedro, e nos tres primeiros cortes do álbum mesmo combinan 2 ou 3 pezas. Mais desta vez sorprenden cunha versión e acompañados da propia autora: a potente “De seu” de Mercedes Peón. Como ela, tamén nos amosan que se meter ingredientes nunha cocteleira está ao alcance de case todos, o coñecemento e a disposición de manexalos con xeito e solvencia está reservado a moitos menos. O Caramuxo pode soar a brass band en “Cantos Canteiros”, amosar un aquel trance en “Chicken’s rumba”, recollerse no “Canto da segha”, facer unha achega electrónica a “Santa Porta” apoiados por José A. Vilas … e non faltan maneiras de alalás, rock ou rumba.

Para ben ou para mal, son quen de funcionar en todos lados e non ser característicos de ningún. Se as túas orellas están acomodadas podes prescindir deles, mais se queres algo desprexuizado, que esperte emocións e pase de clixés sen perder o norte, xa estás tardando. Reivindicar, como neste caso, o papel que tivo o clarinete é máis moderno ou alternativo que empregar recursos electrónicos. Gocemos destas “Reviravoltas” e esperemos que non tarden tanto en volver entregar outro disco que sente tan ben entre o panorama predominante.

“Clarineteiros […] que deron en ir ao fondo da cuestión, á raíz do que somos, para coller aquela materia prima e darlle unha, dúas, tres reviravoltas, ata que aquela música que non é só música faga que os seus clarinetes que non son só instrumentos digan xustamente o que estes seis musicazos queren dicir. Con liberdade. Con identidade. Con orgullo de seren elos na historia dun instrumento aínda por reivindicar dentro da nosa tradición oral”, di Guillerme Inácio no texto que acompaña o disco.

Pepe Cunha, 15-marzo-22

AXENDA