Os discos de debut adoitan quedarse en carta de presentación das posibilidades dunha banda. Porén, de cando en vez aparecen algúns albums que xa entregan un repertorio sólido, sen irregularidade en canto a calidade ou factura. Aquí podemos colocar o desta banda madrileña co galego Antonio Curros na voz e as composicións. Unha vez escoitadas as nove cancións recoñecemos que confluíron con éxito as distintas coordenadas estilísticas dos compoñentes do cuarteto: Xavi Igual, antiguo guitarrista e productor de Skunk DF; Fer Vilar, ex baixista del grupo de ska-punk Oferta Especial; e Adrián Espinosa (Pauline & The Big Kahunas, Sin In The Flesh). A variedade estilística e as mentes abertas non son garante de éxito pero, no seu caso, Ciclocéano poden estar orgullosos da frescura e o acabado excelente destas “Líneas de meta”.
A súa mestura de estilos vive nese saco xigante etiquetado como “pop-rock”, desde o metal melódico ao indie-rock bailábel con predominio dos medios tempos. Collamos influencias das bandas roqueiras na liña rock-funk dos 90 (Red Hot Chili Peppers, Faith No More, Primus, Rage Against the Machine ) e démoslle un baño de retrousos máis pop e melodías efectivas; como poden facer máis ou menos uns Dinero, Sobrinus ou Sexy Zebras. Aquí todas as cancións teñen identidade de seu e a solvencia do cantante e as melodías marcan a diferencia que os sitúa por riba do nivel máis habitual no indie estatal. Para apuntalar o produto, contan con colaboracións como a do pianista Nico Casal ou Javi Marssiano de O Funkillo á guitarra, a produción ben acaída de M.A. Mart (Estirpe) e a masterización de Andy VanDette nos Masterdisk Studios (New York)
As cancións resultan honestas, directas, contundentes e nítidas á vez, cun coidas detalles de guitarra, piano (“Para Volvernos a Encontrar”), baixo (“Mi Propia Nave Espacial”) … e voces. Pero o mellor de todo é que o nivel medio das cancións é notábel, sen sobresaltos para moi ben ou para mal. O single “Cianuro” é contundente e elegante, tamén nos seus toques de electrónica, amósanse máis pausados en “Tarde, pero aprendí”, sensibeis en “Líneas de meta”, guitarreiros e tamén reggae en “Nada especial”, contan cunha concesión festivaleira en “Viaje temporal” e os seus coros …e saben rematar a colección con “Lo Invisible” só a guitarra e voz. Un debut que non ten nada a envexar a moitas propostas que contan talvez con demasiado favor dalgúns medios.
Pepe Cunha, 20-febreiro-2019