artigo publicado no suplemento Sermos de Nós Diario o sábado 3 de outubro de 2026
Na década anterior existiu no país unha iniciativa chamada Galician Bizarre que argallou tres recompilacións en torno a propostas musicais de corte independente, experimental ou subterráneo. Alí coñecemos, entre moitos outros, nomes como Franc3s ou Telephones Rouges. Nos primeiros militaba Alberto M. Vecino, nos segundos Rubén Domínguez (agora Pantis) e a eles uniuse Diego Gendre para formaren un novo proxecto bautizado co nome dunha canción precisamente dos Franc3s.
Trece anos despois, Chicharrón segue a funcionar desde Carballo como trío, pero Alberto está acompañado nas voces e instrumentación por Mara Pérez na percusión e Rosalía Fernández Rial no acordeón. Atrás fica aquela primeira etapa con entradas e saídas de músicos e os discos editados co selo Prenom: un debut homónimo en 2014, “Postal” (‘16) xa en galego, e “Cancións clínicas” (‘18). Nesta década consolidaron unha formación sólida e publican regularmente con Ferror Records: “Unha fogueira intacta” (‘21), “Erosión” (‘22), “O que nos queda por non dicir” (‘23) e este “Temporal”.
Nunha coidada edición en vinilo, as once cancións están acompañadas por cadansúa fotografía de Pablo Mella e, na liña estilística da banda, son obras de corte sinxelo, minimalista, cunha carga emocional intensa e tinturas poéticas, de melodías e harmonías claras dentro dunha atmosfera tirando a gris. Nunca foron amábeis ou condescendentes, senón que a súa vitalidade ten a ver coa vida mesma, esa da que non agochan a fraxilidade e a resistencia ao nos enfrontar con momentos escuros e duros. Así, predominan os medios tempos ou as case baladas canda algunha peza máis lene como “No serán”, “Compresión” ou a rabiosa “Avogadas cristiás”. Mais o punto forte está onde a banda é máis recoñecíbel: “Colisión e deriva”, “Sacrificios a Perséfone” ou “Factura”, onde cantan “todo é tan novo como o somos nós os dous, latexos dun texto que escribimos achegándose”, versos que valen para sinalar o aquel de consolidación e reafirmación que supón o álbum.
Porén, cómpre salientar o verniz electrónico que dota este disco dun plus de clase e distinción a cargo de Marco Maril na produción. Antes coñecido como Apenino, o músico que militara en Dar Ful Ful hai tempo que deixa a súa pegada sensíbel e delicada como sonidista e deseñador sonoro en diferentes proxectos (atentas a “Traspielas” de Su Garrido Pombo). Aquí non ía ser menos e axuda a facer deste “Temporal” un dos mellores traballos dunha banda referente no país en canto a pop independente, se pensamos en cando este adxectivo tiña máis sentido. “Nunca perdemos a inocencia, e ese é o verdadeiro éxito de Chicharrón, que despois de tantos anos seguimos desfrutando xogando como o primeiro día”.
Pepe Cunha, 17-setembro-2026
Escóitaos no seu bandcamp: https://chicharron.bandcamp.com/


