nota
Cristina Medina fará tremer o Teatro Rosalía cunha Brancaneves “A grito pelao”
A coñecida actriz gaditana aparca a súa personaxe de Nines en La que se avecina para encarnar unha Brancaneves moi desvergoñada nun espectáculo que mestura música, humor, baile, poesía e ilustración.
Acompañada polos seus “Gusanitos de Teruel”, o furacán escénico de Cristina Medina fará vibrar o Teatro Rosalía tras pasar por Vigo, A Estrada e Riveira. O espectáculo da Coruña porá o peche á xira galega de Pez en Raya, a compañía de Cristina Medina e Joan Estrader
Dejen su cerebro a un lado, abran la puerta al corazón y súbanse a este tsunami de sensaciones”. Así comeza “A grito pelao”, o espectáculo co que a afamada actriz gaditana Cristina Medina, da man da distribuidora Culturactiva SCG fará tremer as butacas do Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Este pase, que supón o peche da xira galega para a compañía Pez en Raya, terá lugar o domingo 20 de novembro ás 20:30. Nunha peza de teatro total que percorre múltiples rexistros, dende o cabaret ata o recital poético, pasando polo sketch ou o musical, a enérxica Cristina Medina poráse na pel dunha Brancaneves atípica, lareta, desvergoñada e políticamente incorrecta.
Ao tsunami escénico de Medina súmanse os punzantes poemas de Remedios Crespo e as cancións absurdas de “Los gusanitos de Teruel”, unha banda de tres músicos cunha recoñecida traxectoria no panorama musical estatal: Jesús Chávez, Nani Conde e David López. A coreografía de Israel Galván e a escenografía ilustrada pola debuxante Coco Dávez, completan unha posta en escea tan minimalista coma magnética. Todo baixo a batuta do dramaturgo Joan Estrader.
O “grito pelao” de Cristina Medina pode verse con anterioridade en Vigo (o 17 de novembro ás 18:00 no CUVI), en Riveira (o venres 18 de novembro ás 21:30 no Auditorio Municipal) e na Estrada (o sábado 19 de novembro ás 21:00 no Teatro Principal).
A “NINES” DE LA QUE SE AVECINA
Con case vinte anos de traxectoria ás súas costas, a compañía Pez en Raya ten dado a volta ao mundo con varios espectáculos e gañado diversos premios nacionais e internacionais. A personaxe protagonista que Cristina Medina ten na serie de Telecinco La que se avecina dende o 2008, Nines Chacón, ou a súa aparición na serie Esposados, catapultaron á compañía da actriz gaditana á fama.
Directora e dramaturga, amais de actriz, Cristina Medina combina as súas personaxes televisivas co teatro, xénero no que foi deixando un ronsel de premios a nivel estatal e mesmo internacional. Nova York, Shanghai, Inglaterra, Costa Rica, Venezuela, Colombia ou El Salvador, recoñeceron o talento incontible da gaditana.