Caxade

Outubro 14, 2016

Pasaron 3 anos das aparicións en videoclips pola internet e algo menos da edición dun disco de debut que quedou coma un éxito da nosa música popular. Desde o tradicional e cun espíritu inquedo, resultaba atractivo para folquis e indies, polo que Alonso Caxade non tardou en ser etiquetado como o Zach Condon (Beirut) galego. “A dança dos moscas” é probablemente o álbum galego máis escoitado e paseado ao vivo nos últimos anos e, tras tanto tempo para escoitalo, agardabamos material novo facéndonos as preguntas típicas: Repetiríase? Cambiaría moito ou só retocaría un chisco? Coido que isto último.

Esta proposta de “Folp-Pok de Banda de Música” -como ben autodefine o seu bandcamp- non perde o seu selo de identidade. Malia ter sobrada capacidade coma músicos, seguen ao servizo da proposta e escapan de lucimentos ou experimentacións progresivas (agás talvez “Botín”) e se cinguen a unha duración “pop” entre 3 e 4 minutos. As cancións marcan con claridade melodías e retrousos, sexa en solos de acordeón (MIDI), trompeta, trombón, batería ou todos a unha. Coma novidade, unha maior presenza de sintetizadores (“O homem bala”) para que o acordeón non sexa sempre protagonista. Segundo avanzamos dubidamos se bascula máis cara ao alternativo (“Mica ronrom”), máis ao tradicional (“O tojo prende”), pero o conxunto mantén o equilibrio e volve convencer como ese toque valse ao Yann Tiersenn en “Sanduicheira”. E incluso mellora algunha aspecto, pois Alonso canta mellor, ou polo menos a min mo parece.

“E isto é amor” confirma moito máis que sorprende, polo que dubidamos convenza a quen xa probou a escoitalos e non foi convencid@. Para quen si, mantén ese tono inxenioso-enigmático-irónico-humorístico e volve prendarse de cancións estupendas como a sinxela e encantadora “Nábia”, o himno “Colesterol” ou a reivindicación de “Independence Day”. Ademais, volve dar gusto facerse cunha proposta que coida a estética, no deseño e a presentación perante o público. Desta vez apreciamos a escenografía de Leandro Lamas (non perdades o video clip da canción homónima do disco e letra de Sechu Sende) e as fotografías de Javier Antelo unha vez máis. Aquí hai cancioneiro para superar o nivel dos seus concertos. Probade.

Pepe Cunha, 10-xuño-2016

AXENDA

23:30 h.
Playa Club, A Coruña.
6 / 8 €