Carlos Vudú y el Clan Jukebox “gigantes”

Febreiro 23, 2016

Hai uns anos comentamos “Cartas marcadas”, o debut do murciano Carlos Vudú e a súa banda. Desde o verán pasado teñen unha continuación que agora comentamos polos seus inminentes concertos galaicos. Non é casualidade que repitan na colaboración co produtor José Nortes, pois ten demostrada unha man máis que notábel para o pop rock de cánones estadounidenses en discos de Miguel Ríos, Ariel Rot, Quique González, Los Madison …. Iso si, ten que haber cancións ben construídas ás que lle sacar ese brillo definitivo e esta banda amosa vimbios bos. Desde a primeira escoita apréciase coidado e agarimo.

Nun estilo tan cheo de clichés ou lugares comúns, cómpre rebelarse contra o corsé e procurar ese aquel de diferenciación. Aquí o esforzo de Carlos Vudú no tema lírico proporciónalle éxito en cancións coma “Agua turbia”, “Un invierno sin abrigo” ou “Tratados de soledad”, de letras máis sociais. Claro que topamos con composicións máis previsibeis, pero o ton xeral é dunha banda que soa sólida, un Hammond que achega ese punto de calidez, solos limpos de guitarra eléctrica e repaso de abondos rexistros do rock de autor. @s amantes destas coordenadas gozarán das stonianas “Gigantes” e “Rock and roll de cloacas”, o retrouso máis pop de “Malas intenciones” e as baladas “Arena y sal” ou “Ha vuelto el petirrojo”.

“Gigantes” é un paso firme cara a consolidarse na canción de autor de corte roqueiro, un segundo disco ben acabado, que soa familiar por unhas influencias tan claras (Tom Petty, Springsteen, Dylan, John Hiatt …) como xustificado é mencionar a Quique González ou os M-Clan de “Memorias de un espantapájaros”.

Pepe Cunha, 23-febreiro-2016

AXENDA